Santiago de Compostela, 9 de abril de 2014.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través da súa deputada Eva Solla, preguntará mañá, na comisión parlamentaria número 5 de Sanidade, polos traslados de pacientes afectados por patoloxías cardíacas en Lugo. “A apertura en decembro de 2013 dunha sala de hemodinámica con horario limitado non se axusta ás necesidades da poboación”, argumenta AGE na pregunta rexistrada (no documento anexo), “un gran número de pacientes da provincia son sometidas a día de hoxe a traslados de máis de tres horas, en condicións de risco para a saúde”. O mesmo acontece coa radioterapia.
Diante desta situación, Alternativa quere que a Xunta do PP responda ás seguintes cuestións:
– Cantas persoas de Lugo con patoloxías cardíacas –infartos ou anxinas entre as máis frecuentes- foron trasladadas a centros hospitalarios doutras provincias nos tres últimos anos?
-Cantas delas morreron durante eses traslados?
– Cantos pacientes sufriron o mesmo trastorno de traslados para ser tratadas e tratados con radioterapia?