O Concello de Xove acaba de poñer en marcha, despois da xunta de goberno do 25 de marzo, unha liña de axudas destinada dunha banda a paliar no posible o problema do “feísmo urbanístico” e doutra banda a melloralas condicións de habitabilidade das vivendas unifamiliares como unha medida máis tendente a evitar en xeneral o “feísmo” e en particular o despoboamento dos núcleos rurais do Concello.
As actuacións incluídas dentro da citada liña de axudas, son:
-Remate exterior (lucido de fachadas) en vivendas unifamiliares con máis de cinco de anos de antigüidade.
-Acondicionamentos do entorno e dos accesos a vivendas unifamiliares con máis de cinco de anos de antigüidade dende as vías de titularidade publica.
-Construción ou acondicionamento de muros opacos de peche de solares no casco urbano de Xove.
As contías máximas de cada subvención en ningún caso superarán os 450 €uros por solicitante e vivenda; a contía exacta das mesmas determinarase en función do presuposto das obras a executar. A cantidade total aprobada pola Xunta de Goberno para estas actuacións é de 20.000 €uros.
Poderán solicitar estas axudas aqueles veciños/as de Xove que sexan propietarios dunha vivenda unifamiliar con máis de cinco anos de antigüidade e o/os propietario/s de solares ou fincas ubicadas no casco urbano de Xove con fronte a vial público.
O prazo para solicitar xa está aberto e remata o 30 de xuño. Os interesados poden presentar as solicitudes no Rexistro de Documentos do Concello. Posteriormente, as concedidas deberán ser xustificadas, en todo caso, antes do 31 de outubro de 2014.
Para unha maior información (Bases, documentación a aportar, ect), pódese consultar a páxina web do Concello www.xove.es. Tamén se vai publicitar esta actuación a través dos distintos puntos de información que o Concello ten distribuidos polas distintas parroquias.
Documentación a aportar para realizar a solicitude:
-Solicitude no modelo establecido ao efecto.
-Documentación acreditativa da personalidade do solicitante (Copias Autenticadas do D.N.I. e do N.I.F.).
-Documentación acreditativa de que o solicitante é o propietario da vivenda ou do solar ( Escritura Pública e/ou Certificación Catastral).
-Acreditación de que a vivenda ten unha antigüidade superior ós cinco anos, extremo que deberá acreditarse coa presentación da correspondente licenza de primeira ocupación o no seu defecto cun informe emitido polos servizos técnicos municipais acreditativo da antigüidade da vivenda.
-Declaración Xurada , no Modelo que o efecto se facilitará nas Oficinas Municipais , asinada polo solicitante acreditativa de que a vivenda non está incursa en ningún procedemento de disciplina ou de reposición da legalidade urbanística.
-Declaración Xurada , no Modelo que o efecto se facilitará nas Oficinas Municipais , asinada polo solicitante de estar o corrente do pago de tódolos tributos municipais e non ter débedas coa facenda municipal.