Lugo, 18 de abril de 2014.- A Xunta de Galicia inicia o próximo luns en Foz a programación formativa disposta no presente ano para a mellora da preparación específica dos corpos de Protección Civil e emerxencias da provincia de Lugo.
Este curso, que abre unha serie de cursos que se desenvolveron en distintos concellos de Lugo baixo a organización da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e coa colaboración da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), ten por título Curso básico de Protección Civil e estará centrado nos fundamentos e nas atencións máis habituais que se fan nestes tipo de servizos.
Deste xeito, abordaranse como contidos específicos dentro desta actividade: Organización, primeiros auxilios, accidentes de tráfico e actuacións en distintos tipos de continxencias que se presentan habitualmente.
Para este curso, que se levará cabo nas instalacións do Centro de Interpretación da Mariña (Cenima) de Foz a partir das 20.00 horas do próximo luns, está prevista a participación de voluntarios e profesionais do ámbito das emerxencias procedentes de seis concellos da comarca da Mariña.
En concreto, está prevista a participación dun grupo de 25 persoas procedentes de agrupacións e servizos de emerxencias de Foz, Barreiros, Cervo, Viveiro, A Pontenova e Mondoñedo.
Dentro da oferta prevista para este primeiro semestre, inclúese tamén o inicio na primeira quincena de maio dun curso semellante ao de Foz no concello de Monterroso, unha actividade que irá orientada a voluntarias e voluntarios do concello monterrosino e de Chantada, Palas de Rei, Becerreá e Lugo.