Foz, 10 de abril de 2014. A xunta de portavoces do Concello de Foz analizou este mércores as facturas de provedores do ano 2013 que non foron aprobadas no último pleno da corporación municipal. O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, destaca o “bo clima” que houbo na xuntanza e espera que o seu pago sexa autorizado na vindeira sesión plenaria.
“Tal e como se falara no pleno, realizouse unha xunta de portavoces, unha das moitas que se están facendo nesta lexislatura, para tratar o tema do recoñecemento extraxudicial, desas facturas que no pasado pleno non foron aprobadas pola oposición porque tiñan reparos de Intervención. A verdade é que o clima foi bo, falouse da situación ocasionada por quedar fóra dos orzamentos do ano 2013 e hai que recollelas no 2014, como se fixo xa o ano pasado e en exercicios anteriores. Houbo bo clima e teño a esperanza de que os provedores non teñan ningún tipo de impedimento para cobrar.
Son facturas de gasto corrente, normal, sen investimentos nin ningún tipo de dúbida e, polo tanto, esperemos que no próximo pleno poidan ser aprobadas e os provedores poidan cobrar”, explicou o rexedor municipal focense.