Lugo, 10 de abril de 2014. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo a través da área de Benestar Social, oferta, un ano máis, un programa de actividade física moderada dirixido a colectivos de distinta índole afincados en concellos do rural lucense, o que en anteriores edicións se desenvolveu baixo o nome de Todos a xogar ou Tempos. Un servizo co que, segundo explicou Veiga, “cubrimos unha demanda existente por parte das asociacións dos concellos da provincia: achegar a todas as parroquias do rural servizos dos que unha persoa que vive na cidade ou nunha vila grande dispón”.
O programa de deporte no ámbito rural que desenvolve a institución provincial está dirixido a colectivos culturais, veciñais, de mulleres pertencentes a concellos de menos de 5.000 habitantes, e especialmente a aquelas asociacións que traballan con persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social, co gallo de mellorar as súas capacidades motrices e cognitivas e fomentar as relacións sociais. No caso destas últimas, que terán prioridade se a demanda excedese a oferta da Deputación, poderán optar a este servizo independentemente do número habitantes do concello ao que pertenzan.
Como en anos anteriores, este servizo dará cobertura como mínimo a 90 asociacións de toda a provincia, ás que levarán 11.600 horas de actividade física moderada, que se repartirán en varios períodos de tempo: do 1 de maio ao 15 de xuño, e do 15 de setembro ao 21 de decembro, en 2014, para os que se destina un orzamento de 90.720 euros; e do 12 de xaneiro ao 14 de xuño de 2015, para o que se dispón dunha partida de 95.040 euros.
Para Veiga “a posta en marcha deste servizo é a expresión das principais liñas de traballo da Vicepresidencia da Deputación durante estes últimos anos, nos que tentamos que todo o noso traballo vaia dirixido a mellorar o benestar dos colectivos en risco de exclusión, para os que outras administracións, nomeadamente a Xunta de Galiza, seguen a reducir o seu apoio económico”.
“Nós cremos – continuou o vicepresidente- que a provincia de Lugo ten que ter un trato discriminatorio favorable para compensar as desvantaxes que sofre fronte a outras partes do país. Neste traballo está a Deputación batallando en solitario fronte á incompetencia e esquecemento ao que nos ten sometidos o goberno de Núñez Feijóo, que lle afasta cada vez máis os servizos á zona rural”.
Todos os cursos estarán impartidos por persoas expertas na materia, profesionais entre os que haberá como mínimo un traballador social, un psicólogo e un educador social. Os monitores que impartan a propia actividade física contarán como mínimo bacharelato ou o grao superior en animación de actividades físicas e deportivas. Asemade, todas as persoas contratadas para este servizo disporán do Celga 4 ou equivalente, proba do compromiso da Vicepresidencia da Deputación coa lingua galega.
Os colectivos que desexen participar neste programa poderán presentar as súas solicitudes a partires do vindeiro luns, 14 de abril, no enderezo electrónico: deporte@deputacionlugo.org, coa intención de que o programa poida comezar a desenvolverse con normalidade a partires do 1 de maio do presente ano.