O vídeo proxectouse na Casa Consistorial de Lourenzá, nun acto no que tamén participou a Alcaldesa, Enma Álvarez Chao. Segundo apuntou o Deputado, “ademais do DVD, de 12 minutos de duración, a TIC elaborou outro vídeo máis curto para a web do Concello e difundiu diversos produtos audiovisuais sobre a Festa na rede, en canles de televisión e en emisoras de radio”. O DVD recolle a ampla programación organizada polo Concello, incluídos os eventos lúdicos e deportivos e a exposición “Entre el recuerdo y su ausencia”, de David Catalá, así como a IV Ruta de Tapas con Fabas de Lourenzá.
Aposta polos produtos autóctonos
Santos Ramos destacou que “tanto a TIC como a Deputación apostan polos produtos autóctonos como unha fonte de riqueza para a nosa provincia e un factor que contribúe a asentar poboación na zona rural”. No caso da faba, a súa calidade vén determinada polo clima e as características do solo desta zona, así como as técnicas tradicionais empregadas. O resultado é unha leguminosa brillante, de pel fina polpa tenra, cunha agradable textura e un característico sabor.
A Festa da Faba de Lourenzá naceu en 1990 co obxectivo de promover o consumo deste produto de calidade. Desde entón, o evento experimentou un importante crecemento ate chegar a converterse nunha das citas gastronómicas máis destacadas da provincia. Declarada de Interese Turístico Galego en 2000, esta feira atrae a milleiros de persoas, que se achegan á localidade mariñá a primeira fin de semana de outubro. Na vixésimo terceira edición bateu récords de público e vendas.