Site icon Crónica3.com A Mariña

A corporación de Foz decretou 3 días de loito oficial polo falecemento dun matrimonio de Malates nun presunto caso de violencia de xénero

Foz, 25 de abril de 2014. A corporación municipal de Foz celebrou no mediodía deste venres un pleno extraordinario urxente e decidiu decretar tres días de loito oficial, dende hoxe ata o domingo, polo falecemento dun matrimonio veciño de Malates nun presunto caso de violencia de xénero ocorrido onte. A continuación da sesión plenaria houbo unha concentración cun minuto de silencio diante da Casa do Concello, lugar onde este sábado haberá outro acto similar ás 12:30 horas.

O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, manifestou: “dende a corporación municipal queremos mostrar as nosas condolencias aos familiares do matrimonio, de Manuel e de Elena, que están sufrindo a súa perda. Despois das indagacións que está facendo a Policía e a Garda Civil parece ser un acto de violencia de xénero, no que resultou falecida Elena e o posterior suicidio, parece ser, de Manuel. Déixanos consternados porque nunca se pasou pola cabeza que nun pobo tranquilo como Foz, de 10.000 habitantes, chegáramos a ter unha caso deste tipo”.

O rexedor municipal engadiu que “hai moitos medios para que os veciños e veciñas que teñan constancia de algún tipo de acto de violencia poidan comunicalo: servizos sociais do Concello, da Xunta de Galicia e Deputación, teléfonos como o 016 contra o maltrato a mulleres, que axudan a denunciar este tipo de casos, que desgraciadamente se están facendo moi comúns nunha sociedade que non pode admitir este tipo de violencia”.

Exit mobile version