Site icon Crónica3.com A Mariña

A centralización dos servizos será un dos temas a debate este sábado en Mondoñedo nunhas xornadas organizadas polo BNG

A Mariña, 11 de abril de 2014. As xornadas de análise e proposta de alternativas que o BNG organiza o vindeiro sábado en Mondoñedo, estarán inevitablemente marcadas polo anuncio de aprobación do anteproxecto da reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial no Consello de Ministros da semana pasada.

Nestas xornadas que a formación nacionalista organiza para contrastar coa cidadanía a situación actual dos servizos públicos e o papel da UE para o noso País, así como das posibilidades de actuación desde os concellos; participarán, entre outras persoas, a deputada nacionalista Montse Prado; o alcalde de Allariz, Francisco García e a eurodeputada e candidata do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda. Será a partir das 10:30h. no salón de actos do centro comarcal de Mondoñedo.

As xornadas comezarán cun bloque sobre servizos públicos: educación, sanidade e servizos sociais. A partir das 12h, intervirán o profesor da USC, Bernardo Valdés e Ana Miranda a respecto do impacto da UE en Galiza e a necesidade de políticas propias como alternativa. A partir das 13h., a reforma da Administración local situará o debate na centralización de servizos que supón esta lei para os concellos. Para o BNG “esta nova normativa pretende impor un funcionamento centralizado dos servizos, impedindo que os concellos poidan prestar importantes servizos e creando cidadás de primeira e segunda categoría en función de onde vivan. Con esta reforma, iníciase un proceso de alonxamento de servizos da xente, comezando polos servizos que prestan os concellos; pero esta idea está tamén na reforma da LOPX retomada a semana pasada, tras ter sido paralizada polo masivo rexeitamento que produciu no seu momento.”

Segundo o BNG, “que saia adiante esta modificación, coa creación dos Tribunais Provinciais de Instancia, deixando os actuais partidos xudiciais como meras oficinas ou sedes desprazadas, pode supor outro golpe mortal para a nosa comarca. Os partidos xudiciais de Viveiro e Mondoñedo desaparecerían como tal e desaparece a posibilidade de contar cun novo partido xudicial en Ribadeo, tal e como se ten demandado unanimemente en numerosas ocasións.”

Para os nacionalistas, “este é un paso máis deste goberno para dificultar o acceso aos servizos das persoas en función do lugar onde vivan. Pretenden alonxar todos os servizos e facer das capitais de provincia o centro para todo, obrigando ás veciñas e veciños da Mariña a desprazarse a Lugo para xestións que ata agora se podían realizar na comarca. Estámolo vendo coa sanidade, con servizos como facenda e agora tamén cos xulgados.”

Desde o BNG convidan a asistir a calquera persoa interesada nos asuntos a tratar, así como a participar nos debates que terán lugar a respecto dos distintos temas.

Exit mobile version