Cervo, 16 de abril de 2014- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o edil de Zona Rural, José Ramón Soto, comprobaron xunto a membros da asociación veciñal O Burgo de Trasbar o desenvolvemento das obras de ampliación do local social, que marchan a bo ritmo e que previsiblemente estarán rematadas a principios do mes de maio.
Con este proxecto, o inmoble pasará a dispoñer de 55 metros cadrados máis de superficie útil, dos cales 25 están destinados a un área de lecer cuberta e anexa ao local. Da mesma maneira, a sala de reunións tamén se verá ampliada e pasará a ter 74 metros cadrados e o local, en total, terá 10 metros máis de longo. Ademais, os traballos inclúen un sistema de calefacción de leña que os veciños se encargarán de poñer en funcionamento segundo as súas necesidades e que “permitirá un aforro en gasto de enerxía” tal e como explica Soto.
O edil de Zona Rural destacou “a ilusión e as ganas” coas que traballa a asociación O Burgo de Trasbar, cun cento de socios, e “o grande volume de actividades que levan ao cabo ao longo do ano”. Da mesma maneira, Soto puxo en valor “a implicación desta entidade para manter o burgo vivo e dinámico e encher de entretemento o tempo libre dos veciños”. Unhas tarefas que “implican un esforzo, un traballo e unha dedicación que son dignas de destacar”, engade o responsable de Zona Rural.
Soto lembra que “o Concello quixo colaborar e contribuír neste importante labor que fai a asociación” financiando con fondos municipais o custo total das obras, de 32.000 euros. Así, as instalacións serán melloradas e ampliadas “adaptándose ás necesidades da entidade”. Desta forma, o local disporá de máis espazo e iso “sen dúbida redundará en beneficio de veciños e socios, que poderán levar a cabo as actividades con máis comodidade e incluso ampliar as súas posibilidades”.