Site icon Crónica3.com A Mariña

A alcaldesa de Lourenzá pide axuda económica da Deputación para a vindeira edición da Festa da Faba

Lourenzá, 9 de abril de 2014. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, agradece publicamente o traballo realizado pola Fundación TIC na elaboración dun vídeo de promoción da Festa da Faba, que foi presentado hoxe, e solicita á Deputación Provincial axuda económica para vindeira edición do evento, como reciben outras festas de interese turístico galego.

A rexedora municipal explicou que “no día de hoxe a Fundación TIC ven de presentar un traballo de promoción da Festa da Faba que gravaron precisamente na 23ª edición da festa, celebrada no pasado mes de outubro. Parécenos un traballo importante, este que fixeron dende a Fundación TIC, e polo tanto dende o Concello de Lourenzá non podemos máis que estar agradecidos por este labor de promoción da festa, posto que detrás da Festa da Faba está a faba de Lourenzá, un produto que dende o Concello tratamos de promover. Non soamente afecta a produtores de Lourenzá senón tamén de toda a comarca”.

Emma Álvarez engadiu que “tamén esperamos que a Deputación de Lugo, que non deixou unha subvención nominativa para a Festa da Faba do ano 2014, que será a 24ª edición, teña a ben reconsideralo. Como nós descoñecemos cales son os criterios que teñen dende a Deputación de Lugo para conceder estas subvencións a distintas festas declaradas de interese turístico galego, non pedimos máis que ningunha outra. Só solicitamos que teñan en conta que é unha festa de interese turístico galego que se merece 3.000 euros, igual que calquera outra das que eles subvencionan de xeito nominativo. E polo tanto aproveito a ocasión de que hoxe Álvaro Santos, en representación da Deputación de Lugo, acompaña á Fundación TIC na presentación deste vídeo de divulgación para pedirlle, unha vez máis, que nos teña en conta, porque coa Festa da Faba nós queremos promover a faba de Lourenzá, que se produce en toda A Mariña. Polo tanto queremos que reconsideren a súa postura e, xa que non figura nos presupostos para este ano 2014 unha subvención nominativa para a Festa da Faba, que polo menos teñan a ben darnos esa axuda económica que todo os anos lle pedimos. O ano pasado fixéronnos este traballo de divulgación, que é importante, pero dende o grupo de goberno do Concello de Lourenzá pedímoslles medios económicos para desenvolver a festa, xa que temos problemas económicos, como calquera outro concello, e somos un municipio pequeno que non ten os recursos suficientes para darlle a esta festa o valor que se merece”.

Exit mobile version