Ante as agresións continuadas e reiteradas que tanto á Sanidade Pública como as/os súas/seus traballadoras/es estamos a sufrir nas prestacións sanitarias e nas nosas condicións laborais, é necesario dar unha resposta unitaria e contundente, para que o goberno galego, dunha vez por todas, escoite as nosas demandas, reconduza a política sanitaria, paralice as privatizacións, e negocie coas organizacións sindicais, entre outros temas, o decreto de xestión clínica.
As privatizacións das distintas áreas ou servizos sanitarios e non sanitarios aféctanos a todas/os:
– Como usuarias/os da sanidade, pola perda de calidade deste servizo, pola descapitalización do sistema sanitario público, e polo encarecemento do servizo polo lucro que a empresa privada vai percibir.
– Como traballadoras/es polo aumento da precariedade laboral, polo empeoramento das condicións de traballo, pola destrución de emprego público.
– Como cidadanía deste País: non podemos consentir que se privaticen servizos para que co diñeiro público se enriquezan cada día máis os mesmos a cambio de condenar as/os traballadoras/es a ter salarios miserábeis. Non podemos permitir nin tampouco contribuír ao empobrecemento das/ostraballadoras/es e á ineficiencia no gasto público.
A Admón. e o Goberno enganáronnos coas súas mentiras: dixeron que “nunca ían privatizar a bata branca”. Xa tiñamos precedentes de privatización de varios servizos, contra a que loitamos no seu momento, agora intentan privatizar os servizos de esterilización coa oposición de todas/os as/os profesionais afectados.
“Se non o paramos, cada día irán mais lonxe. Cal será o próximo servizo en privatizar?”, se preguntan dende a CIG Saúde A Mariña.