Santiago, 26 de marzo de 2014.- O novo modelo de reparto de cotas de xarda e xurelo no sector do cerco vai permitir ampliar a pesca no tempo e as descargas en área, permitindo unha mellor organización da actividade pesqueira e facer unha formulación da comercialización máis axeitada. Así o sinalou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, esta tarde no Parlamento en resposta a unha interpelación sobre o tema.
A conselleira advertiu de que o novo modelo permitirá pescar en Galicia especies migratorias como a cabala que antes “non podíamos pescar apenas cando chegaba o peixe ás nosas costas porque xa estaba esgotada a cota”. Deste xeito, lembrou que agora se poden aproveitar mellor as cotas e facer máis eficiente a pesca de modo que “non perderemos a oportunidade de capturar esta especie no momento no que pasa por diante da nosa costa sen ter que desprazarnos e tendo garantida unha cota que, doutro xeito, antes era practicamente inaccesible”.
Rosa Quintana considerou que esta opción sempre é mellor que volver á pesca “olímpica”, na que “as dimensións do groso da nosa frota e a disposición migratoria das especies nos fixo perder competitividade tradicionalmente”.
A titular de Medio Rural e Mar afirmou que o reparto de cota “parécenos acorde á lexislación e cuns criterios definidos, nos que a ponderación socioeconómica da nosa frota avanza e no que temos que ver a vantaxe de saber canto e como podemos pescar”. Puntualizou que este sistema de reparto nos dá, no caso do cerco, case o 25% da cota da xarda e o 43,2% no caso do xurelo, o que se traduce en 3.406 toneladas de xarda e 8.939 toneladas de xurelo. E iso, lembrou, a pesar de que “a xarda quedou lastrada e condicionada polo pago dunha multa pola sobrepesca desta especie permitida polo Goberno central en 2009 e 2010”, de modo que a cifra non recolle, de momento, a súa total potencialidade.
A conselleira advertiu ademais que este reparto -que no caso da xarda supón máis do dobre da que a frota cerqueira pescou o ano pasado- vai na liña que sempre demandamos e que mesmo a propia frota demandaba, “a de poder pescar cunha pesquería ordenada”. Así mesmo, sinalou que o reparto é legal, xa que se axusta a unha disposición normativa clara como é a Ley de Pesca Marítima do Estado, que establece que os criterios de reparto serán os históricos, tendo en conta tamén as características técnicas de cada barco e –unha vez aplicados ambos– valoraranse as posibilidades de emprego que se acrediten polo titular do buque así como as condicións sociolaborais dos traballadores.
Ademais, engadiu Rosa Quintana, “temos que ter en conta que este reparto no que se priman os criterios históricos sempre foi beneficioso para Galicia na inmensa maioría das frotas e pesqueiras”. A conselleira rematou lembrando que “pescar mellor e facelo máis eficientemente require dar pasos adiante e que adaptarse aos cambios leva tempo pero, como pasou no seu día co tema do descanso semanal, ninguén dubidará da súa positividade”.