Ribadeo, 20 de marzo de 2014. Na pleno extraordinario e urxente celebrado este xoves aprobouse por unanimidade desestimar o recurso presentado pola Federación Gallega de la Construcción contra a licitación das obras da residencia de maiores. O alcalde, Fernando Suárez, dixo que foron moitas as empresas que solicitaron información sobre este proceso, aínda que ata o momento só unha presentou oferta formal. O prazo remata o vindeiro luns, 24 de marzo.
O rexedor explicou que “neste pleno extraordinario e urxente que tivemos a primeira hora da mañá teño que congratularme no meu nome e no de toda a Corporación Municipal porque de maneira unánime rexeitamos con contundencia esta alegación presentada por esta chamada Federación Gallega de la Construcción”. Suárez Barcia lembrou que “este colectivo presentou un recurso de reposición contra a licitación das obras da residencia. E rebatemos todo isto de xeito fundamentado. En esencia eles opoñíanse ao sistema de garantías, que son duras, recoñecemos que o sistema de garantías para o adxudicatario das obras é duro, pero si a empresa cumpre non deberá ter medo algún porque as garantías devólvense e non custa nada”.
No pleno argumentouse de novo a urxencia das obras: “esa urxencia existe e non está provocada polo Concello senón que está provocada por un financiamento alleo por parte da Deputación de Lugo, xa que temos que ter xustificada unha parte moi importante de diñeiro a finais deste ano. E tamén motivada pola tardanza que tivo a Xunta para dar luz verde á autorización para que puidéramos iniciar a licitación da obra”.
Fernando Suárez dixo que “agora o prazo de presentación de ofertas segue correndo e remata o vindeiro luns, 24 de marzo, queda o día de hoxe, mañá venres, o sábado e o luns. Tamén podo dicir que a esta hora do mediodía xa hai unha empresa que presentou a súa oferta formal” en engadiu que “eu non sei a quen quería defender esta tal Federación Gallega de la Construcción”.
O pleno tamén acordou modificar o erro aritmético do importe da garantía provisional. “Agora acéptase sen ive e antes puxerámolo con ive, pero é unha cousa menor e subsanable, un erro material do cal o pleno por unanimidade acordou corrixilo”, indicou o alcalde.
O rexedor subliñou que “a residencia por moito que lles pese a algúns vaise facer, vai ser unha realidade, a pesares dos paus nas rodas que algúns queiran poñer”.
Fernando Suárez manifestou que “rematando marzo, empezando a primavera, seguimos sen ter o convenio da Xunta polo cal se fagan realidade aqueles 500.000 euros que a Xunta por escrito se compromete a concederlle a Ribadeo, pero que aínda non efectivizou a través do correspondente convenio. Seguimos esperando e confiamos e desexamos desde a Corporación Municipal que nos chamen enseguida para proceder a firmar ese convenio e que o importe do que responsabiliza o Concello quede diminuído nesa cifra que a Xunta se comprometeu a aportar. Non temos porque dubidar da súa palabra, pero as palabras demóstranse con escritos, con documentos, con convenios… que é o que de momento nos falta”.