Site icon Crónica3.com A Mariña

Os Tres Pes de Trabada organizan un roteiro gratuíto polo municipio

O Colectivo Cultural Os Tres Pes de Trabada organiza o seu segundo roteiro para o domingo 6 de abril. Desta volta transcorre pola ruta do Vento cun trazado pertencente maioritariamente ó concello de Trabada, pero que toca algo dos concellos de Lourenzá, Riotorto e A Pontenova.

O percorrido ten unha lonxitude de 12 quilómetros que discorren por pistas de escasa pendente e dificultade baixa que se pode completar en 3 horas e media.

Ademais da fascinante paisaxe, pódese gozar de impresionantes vistas panorámicas dende o alto do Cerrochan que conta con 776 metros de altura tamén visitaremos unha pequena lagoa que hai o carón do sendeiro e poderemos ver algún cabalo salvaxe pastando polo monte. Parte da ruta pasa polas fragas de Cabanela e Vilapena, unha das de máis beleza de Galicia na que poderemos contemplar un magnifico bosque autóctono de carballos, castiñeiros, freixos, acibros.

A saída está prevista para as dez da mañá dende a Praza do Concello de Trabada en vehículos ata o lugar de partida da camiñata. A participación é libre e gratuíta e non fai falta anotarse por adiantado. Si se desexa pódese levar algo para picar xa que a metade do percorrido faremos unha parada para recuperar forzas.

Os interesaods en obter máis información poden poñerse en contacto coa asociación no correo ostrespes@gmail.com.

O Colectivo Cultural decidiu organizar estes roteiros “para dar a coñecer os magníficos paisaxes e lugares cos que conta Trabada; así como para promocionar o noso patrimonio natural e histórico. O ano pasado fixemos o primeiro que transcorreu pola ruta da Fraga da Vilapena do que a xente quedou fascinada. Esperemos que a esta acuda moita xente porque non defraudará a ninguén”, aseguran.

Exit mobile version