Site icon Crónica3.com A Mariña

Os asuntos económicos centrarán o pleno deste xoves no Concello burelés

Burela, 26 de marzo de 2014.- Varios asuntos económicos se someterán a análise aprobación no pleno que se celebrará mañá pola tarde no Concello burelés. Verase un informe sobre o cumprimento da lei de morosidade. O alcalde, José Mª González Barcia, asegura que “no último semestre de 2013 cumpriuse coa lei de morosidade e podemos dicir que nun tempo récord se pagaron as facturas aos provedores. Desde o equipo de goberno estamos moi satisfeitos por elo, xa que así se axuda a manter os postos de traballo nesas empresas e non sofren problemas de liquidez. A principios deste ano baixouse un pouco esa media, non se pagou con tanta celeridade, pero traballamos para que esa boa liña se manteña”.

Outras das cuestións que se abordarán na sesión plenaria de mañá serán: a liquidación do presuposto de 2013 e un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe duns 75.000 euros. O rexedor explica que “ese crédito irá destinado a pagar facturas correspondentes ao exercicio de 2013, que chegaron ao Concello en xaneiro deste ano cando esa contabilidade xa estaba pechada. Trátase dun procedemento que contempla a lei e que non lle xerará ás arcas municipais alteracións na súa liquidez nin na súa contabilidade”.

No pleno tamén se someterá a aprobación a baixada do soldo do alcalde, tal e como marca a lei, redución que xa se fixo efectiva o pasado 1 de xaneiro. E con carácter definitivo se aprobará a modificación da relación de postos de traballo.

González Barcia aludiu a unha das mocións que irán a debate mañá, trátase da presentada polo Grupo Mixto sobre o Torques de Burela. Para o alcalde “isto é dun cinismo total. PSOE e BNG, que gobernan a Deputación, tiveron a oportunidade de manter a colección Gil Varela en Lugo, tiveron a oportunidade de negociar coa familia para que esa obra, incluído o Torques, quedasen alí”. González Barcia lembrou que “desde o Concello lle solicitamos á Deputación a adopción de xestións para que esa colección quedase en Lugo, pero non serviu para nada. Por dúas veces demandei manter unha entrevista co presidente da institución provincial e a día de hoxe aínda non me chamaron para ese encontro. Os culpables de todo este desaguisado son o PSOE e o BNG, son José Ramón Gómez Besteiro, Antonio Veiga e Mario Outeiro. Eles son os culpables de que o Torques non estea no Museo Provincial”.

Exit mobile version