Lugo, 26 de marzo.- O PSOE da provincia uniuse, novamente, este mércores para rexeitar o modelo de xestión clínica da Xunta de Galicia, aprobado o pasado xoves polo Consello autonómico, pois a integración deste servizo favorece a privatización, a perda de autonomía dos hospitais lucenses e un empeoramento da calidade asistencial. Deste xeito, o secretario xeral do PSdeG –José Ramón Gómez Besteiro-, deputados, secretarios xerais das agrupacións locais, cargos orgánicos da executiva provincial, e voceiros do Partido nos Concellos acompañaron aos centos de cidadáns que participaron nas tres manifestacións convocadas polos Sindicatos en Burela, Monforte e Lugo.
Os socialistas amosaron así, decididamente, a súa repulsa a este sistema que, ademais do exposto anteriormente, persegue estruturar os procesos asistenciais ao redor das necesidades específicas dos doentes, especialmente nos crónicos con máis dunha patoloxía; o que, segundo explicaron en diversas ocasións os facultativos, vai en detrimento da mellora dos resultados na saúde da poboación.
Por este motivo, critican que a Consellería de Sanidade xustifique a implantación deste modelo para acadar un maior aforro das arcas públicas do SERGAS, xa que, no canto de favorecer unha Sanidade gratuíta e de calidade, o único que persegue é a eficiencia na utilización de recursos.
A xestión sanitaria propia, unha constante nas demandas do PSOE
A defensa do mantemento da xestión propia é unha constante nas demandas do PSOE lucense dende hai tres meses. Dende decembro, os socialistas, a través dunha moción conxunta, están a pedir, nos respectivos Plenos, o apoio do Partido Popular para que a administración autonómica recapacite e dé marcha atrás na integración deste modelo que, tal e como indica o ditame do Consello Consultivo de Galicia, resulta contrario ao ordenamento xurídico. Asimesmo, este organismo tamén se pronuncia en contra do procedemento de designación do director de cada unidade que, a partir de agora, será de libre designación e non terá, necesariamente, porque pertencer ao SERGAS.