No acto de inauguración, que contou coa presenza de Fátima Otero, comisaria da mostra, e dalgúns dos artistas presentes, Gómez Besteiro destacou que “esta Capela é moito máis que unha sala de arte”, lembrando que esa mesma sala vén de despedir a mostra Tear, Tecidos e tecelás, unha homenaxe ós artesáns deste oficio na provincia a través de 51 pezas -entre teares, instrumentos propios do oficio e traballos téxtiles-, que “foi visitada por preto de 800 persoas en pouco máis dun mes, o que amosa o feito de que esta Capela xa é un centro de referencia para os lucenses e visitantes interesados en coñecer o mellor da creatividade, calquera que sexa o seu vehículo de expresión”.
“Neste caso, 11 destacados artistas convídannos a admirar os ceos a través do filtro das súas olladas, empregando técnicas e astucias coas que tentan amosarnos o admirable da nosa condición de imaxinadores”, engadiu Besteiro. Finalmente, agradeceu o traballo dos artistas e o esforzo da comisaria por reunir obras, “tantas e de tanta calidade”, creadas por artistas que ó longo da súa traxectoria veñen empregando este motivo de inspiración de xeito recurrente e non encargadas para a ocasión.
Pola súa banda, a comisaria Fátima Otero destacou o prestixio dos artistas presentes na exposición e agradeceu o interese amosado polo Centro de Artesanía e Deseño por dar a coñecer as súas obras ós lucenses. No acto tivo un papel destacado a música, da man de Juan Carlos Martínez Fontana e María José Pámpano López, que estrearon a peza “A bruma que cubre os outeiros remotos do cabo de acolá”, 7 minutos e medio dunha orixinal combinación de violín e música electrónica, composta por Martínez Fontana especialmente para a ocasión. Os asistentes tamén puideron degustar nubes de algodón de azucre, coas que se agasallaou a todos os que se achegaron ata a Capela de Santa María.
Artistas
Os 11 artistas participantes empregan como medios de expresión a fotografía, a escultura, a pintura ou a videoinstalación para ofrecer a súa persoal ollada ós ceos: nubes como pedestais; nubes de tormenta; nubes ó xeito de pantasmas ou nubes que semellan aparellos mecánicos, reflectindo puntos de vista alternativos sobre un mesmo tema. Na exposición pódense admirar as fotografías de Sheila Pazos, nas que o ser humano domina a natureza; as nubes con formas animais de Din Matamoro; as nubes aterradoras de Ana Soler; as cheas de forza de Alina Granados; as nubes fantasmagóricas de Xurxo Gómez-Chao; as nubes cotiás de Jesús Otero-Yglesias; as dixitais do vallisoletano Eugenio Ampudia, Mellor Artista en ARCO 2008; as famosas rain tables da catalana Andere Monjo; as nubes futuristas do cántabro Ciuco Gutiérrez; as mecánicas de Moreno Carretero, ou a combinación de pintura e fotografía do zaragozano Carlos Maño, que suman ata 30 obras en Estar en las nubes.
Horarios da exposición
A exposición permancerá aberta ata o vindeiro 20 de abril na Capela de Santa María no seguinte horario: de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; sábados, de 17:00 a 20:00 horas e domingos de 11:00 a 14:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.