Mondoñedo, 20 de marzo de 2014.- O Partido Popular de Mondoñedo levará ao próximo pleno local unha moción na que lle pide ao Concello que impulse a creación dunha entidade xurídica que permita coordinar a organización do Mercado Medieval.
Os populares consideran necesaria a constitución dunha entidade xurídica, – a que se considere máis axeitada (asociación, programa de voluntariado…)-, para que os interesados podan prestar a súa acción voluntaria con todas as coberturas requiridas, -seguro en caso de accidentes, responsabilidade civil, recoñecemento a efectos administrativos…-.
Este encontro medieval desprega gran interese, non só entre os visitantes, senón tamén entre os veciños que de maneira desinteresada se amosan dispostos a colaborar na súa organización, aclaran os populares.
“É importante articular unha entidade legalmente constituída para que a xente organizadora poda prestar o seu traballo de xeito desinteresado e que as administracións lle dean amparo”, explican, e se “eviten así revivir circunstancias como a anualidade pasada”.
Os populares conclúen ao asegurar que Mondoñedo acolle ao longo do ano a celebración de eventos de relevancia, que implican a dinamización local. Cada un destes encontros está organizado, en colaboración coas administracións, por cada súa entidade legalmente constituída. A excepción, reiteran dende o PP, recóllea o Mercado Medieval de Mondoñedo, que non conta cunha asociación ligada a súa organización.
Polo tanto, o Concello de Mondoñedo debe ser o impulsor de que se constitúa esta entidade e que o Mercado Medieval de Mondoñedo siga a ser un referente para turistas e visitantes que se acercan ata a localidade para revivir o seu pasado.