Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP alerta dos incumprimentos do goberno municipal de Mondoñedo na materialización do plan de dinamización turística local

Mondoñedo, 19 de marzo de 2014.- O Partido Popular de Mondoñedo alerta dos incumprimentos do goberno local en relación ás directrices que tiña previsto desenvolver durante o 2013 dentro do Plan Estratéxico de Dinamización Turística 2013-2017.

Os populares explican que o Plan estipulada unha cronoloxía de actuacións “e que a día de hoxe e na maioría dos casos non se están a levar a cabo”. Unha situación que, dende o PP, atribúen “á baixa implicación” do goberno local de cara ás necesidades do municipio.

“Trátase dun documento ao que se dirixiu unha importante contía económica e co que se non está a cumprir”, matizan dende o PP, que engaden que “só temos constancia de reunións con escasa participación e da publicación dun folleto con fotografías que, incluso, non están actualizadas”.

Os populares apelan á necesidade de actuar e de traballar con rigor e máis cando se está a falar “dun dos sectores que ofrece un maior potencial dinamizador á localidade”, -o turístico-; e logo de que a elaboración do documento custase preto de 4.000 euros, ao que se lle suma outra importante inversión da Deputación, -77.500 euros-, dirixida a colaborar no financiamento do gastos que implicara o plan.

Actuacións que só requiren de vontade para levalas a cabo
Dende o Partido Popular de Mondoñedo amósanse especialmente críticos cos incumprimentos en actuacións que non implican un investimento económico, senón que “só requiren da vontade para levarse a cabo”.

Os populares poñen como exemplo a actualización da páxina web, cuxa última nova publicada data do 8 de xaneiro de 2014 ou incluso a creación dun banco de imaxes que a día de hoxe non é unha realidade.

IA maiores, os populares lamentan que non se incentivase unha programación conxunta con asociacións e axentes locais. “É necesaria a implicación de todas as partes para lograr unha proposta atractiva con iniciativas culturais, animación e actividades turísticas”, matizaron dende o PP.

O populares engaden que dende o goberno local non foron quen nin de cumprir con compromisos de colocar carteis informativos sobre a programación cultural e lúdica no albergue dos peregrinos.

O proxecto de Artesanía nos Muíños
Dende o PP local tamén referiron aos incumprimentos no proxecto de Artesanía nos Muíños. “Recibiron un programa activo, do que se están a esquecer e non logran potenciar”.

Exit mobile version