Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio organiza diferentes actividades con motivo do Día Internacional das Mulleres e o 6º aniversario da asociación

O próximo 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, o Observatorio celebrará o seu sexto aniversario de andaina feminista na Mariña de Lugo. Nestes seis anos de traballo, leváronse a cabo numerosas actividades nas distintas localidades mariñás, sempre pensadas en prol da igualdade. Charlas-café desde un punto de vista de xénero sobre temas de actualidade, presentacións de libros das nosas escritoras, video-forums para coñecer a situación das mulleres doutras culturas e para visibilizar o traballo das directoras de cinema, campañas e proxectos cos IES mariñás para previr a violencia de xénero no alumnado de secundaria, a edición do xogo coeducativo Trivial Feminista, o concerto Músicas e letras en feminino, diversas campañas informativas e de visibilización das mulleres galegas nos diferentes eidos culturais, denuncias públicas, etc.

Para conmemorar o Día Internacional das Mulleres e o aniversario da asociación, o Observatorio ten preparado un feixe de actividades informativas, formativas e reivindicativas durante todo o mes de marzo:

– Sábado 8 de marzo: ás 11.00h, participación no acto que desde a area de Igualdade, Benestar e Deporte, da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, terá lugar na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos en Lugo. En dito acto, procederase á lectura dun manifesto reivindicativo elaborado por distintas asociacións da provincia de Lugo e haberá unha pequena actuación musical.

Así mesmo, ás 20.00h na Casa da Cultura de San Cibrao, participaremos nun foro sobre os dereitos humanos organizado pola Asociación Cultural Os Aventados de San Cibrao.

– Domingo 9 de marzo: despois de adicar o mes de febreiro a actividades informativas sobre o aborto (o videoforum O aborto, unha cuestión de liberdade e a charla-café con Lola Ferreiro sobre os dereitos sexuais e reprodutivos), o Observatorio acudirá, como asociación integrada na Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, á Manifestación Nacional polos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, convocada por dita plataforma, que sairá ás 12h da Estación de Tren de Compostela e que percorrerá as rúas de Compostela até a Praza da Quintana.

– Venres 21 de marzo: retomando o ciclo de charlas informativas, o venres 21 de marzo terá lugar, ás 20.00h na Casa das Letras de Ribadeo, unha charla informativa sobre a custodia compartida coa avogada Victoria Carbajal Fernández, do colectivo asturiano Abogadas por la Igualdad, co obxectivo de clarificar que é iso da custodia compartida, cal é a lexislación actual e cal é a realidade nos casos de custodia compartida imposta.

– Última semana de marzo: aínda que está por confirmar o día exacto, a última semana de marzo dará comezo en Ribadeo un curso de fotografía dixital para mulleres, de 20h de duración, que será impartido por Ánxela Rodríguez García. Como en anteriores edicións dos cursos de fotografía dixital, que xa tiveron lugar en localidades como Burela, Barreiros ou Mondoñedo, o obxectivo é achegar ás mulleres ás novas tecnoloxías e visibilizar ás súas olladas, así como dar a coñecer o traballo de prestixiosas fotógrafas moitas veces silenciadas. En canto estean pechadas as datas e o horario, darase toda a información e procederase á apertura do prazo de inscrición para as mulleres interesadas.

En definitiva, desde o Observatorio plantexamos, para conmemorar o Día Internacional das Mulleres e o aniversario da asociación, un mes de marzo con oferta de actividades informativas ou formativas, mais tamén facemos do 8 de marzo unha data reivindicativa polos dereitos das mulleres que aínda quedan por conseguir ou que se perden, e por iso animamos a toda A Mariña a sumarse á Manifestación Nacional do día 9 en Compostela.

Exit mobile version