Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo de Apoio a AGE de Ribadeo critica “a proposta dos concelleiros populares para retirar a pancarta do Concello en defensa do dereito a decidir das mulleres”

Desde o Grupo de AGE en Ribadeo consideramos que é preciso manter toda a presión que a cidadanía e as institucións poidamos facer sobre un goberno que está a artellar unha restrición sen precedentes dos nosos dereitos.

Entre eles, a modificación plantexada da Lei de Interrupción do Embarazo resulta especialmente grave ao poñer en risco a saúde das mulleres que non queiran levar adiante, pola razón que sexa, un embarazo non desexado.

A actual normativa foi a única capaz de reducir o número de abortos realizados en España. Pola contra, a estratexia conxunta de eliminar a educación sexual dos colexios, dificultar o acceso aos anticonceptivos e prohibir as interrupcións do embarazo, con seguridade levará a un maior número de abortos e á reaparición de mortes de mulleres por abortos clandestinos realizados en malas condicións.

En consecuencia, queremos facer público o noso apoio á decisión do goberno municipal de manter despregada na fachada da Casa do Concello a pancarta a prol do dereito a decidir das mulleres, e do aborto libre e gratuíto.

Ao mesmo tempo queremos rexeitar a actitude das concelleiras do PP que coa desculpa de “regular o uso do balcón da Casa do Concello como espacio público para posibles usos propagandísticos o publicitarios abierto a la ciudadanía en general” están a pedir a retirada da antedita pancarta.

Lembramos que segundo as enquisas publicadas o 80% da poboación está en contra da reforma plantexada polo Partido Popular, polo que entedemos que a pancarta, que non reflicte unha posición ideolóxica senón a defensa duns dereitos conseguidos con moito esforzo pola loita das mulleres ao longo de décadas, conta cun respaldo maioritario entre a cidadanía ribadense.

Finalmente, animamos á veciñanza a amosar públicamente o seu rexeitamento á reforma de Gallardón e Rajoy poñendo pancartas tamén nos balcóns das súas casas contra a devandita reforma e a prol do dereito das mulleres a decidir e, no seu caso, a interrumpir o seu embarazo de xeito seguro, libre e gratuito, na sanidade pública.

Exit mobile version