Burela, 7 de marzo de 2014. O alcalde, José Mª González Barcia, presidiu este venres a recepción ofrecida a un grupo de nove estudantes alemáns, que durante un mes realizarán prácticas en institucións e en empresas de Burela.
O rexedor explicou que “hoxe pola mañá ofrecemos unha recepción aos nove estudantes alemáns que veñen realizar prácticas laborais a Burela. Chegan aquí a través do IES Perdouro. Trátase dunha experiencia que se veñen desenvolvendo desde hai cinco anos”.
González Barcia engadiu que “estes alumnos procedentes de centros equivalentes aos centros de formación ocupacional de España realizarán prácticas durante un mes, dous deles no propio Concello, un nun hotel de Burela, outro na OPP e os demais noutras empresas e institucións da localidade. Deste xeito Burela e os centros de ensino secundario da vila séguense a caracterizar por fomentar as relacións entre os países da UE, en base a intercambios de tipo educativo e en base a intercambios coma este de carácter xa máis laboral”.