Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo coloca plataformas en varios grupos de colectores para facilitar e axilizar a recollida do lixo

contedoresCervo, 19 de marzo de 2014- A delegación de Medio Ambiente, que dirixe Begoña Alonso, está estes días colocando unhas plataformas de formigón para os contedores de varios puntos do municipio. Uns elementos que se instalan naquelas zonas onde o terreo presenta irregularidades co obxectivo de evitar que os colectores se vexan danados polos desniveis. Da mesma maneira, estes traballos tamén facilitarán e polo tanto axilizarán a tarefa de recollida de residuos.

En concreto, estas tarefas leváronse a cabo en Figuerido, Casas Novas e as proximidades da pista de pádel de Cuíña. Uns lugares onde tamén se aproveitou para colocar barras de suxeición como medida de seguridade co fin de evitar o desprazamento dos colectores, especialmente en momentos de fortes ventos.

Esta actuación forma parte dun proxecto máis amplo de mellora do servizo de xestión de residuos sólidos urbanos do Concello de Cervo e que inclúe diversas medidas para que a veciñanza atope máis facilidades á hora de depositar o lixo nos diferentes contedores, e tamén para optimizar o momento da recollida.

Por unha banda, cabe lembrar que nos últimos meses o Concello levou a cabo a instalación de varios colectores accesibles a persoas con problemas de mobilidade. Tempo atrás tamén se mellorou o sistema para depositar o aceite doméstico usado nos contedores correspondentes, de forma que agora se poden botar directamente as botellas de plástico enteiras, ben pechadas, co aceite dentro na contra de verter o líquido no colector.

Neste sentido, o Concello anuncia ademais que ao longo dos próximos meses seguiranse instalado máis plataformas onde sexa preciso e tamén barras de suxeición para fixar os contedores.

Exit mobile version