Santiago, 19 de marzo de 2014.- O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal “Pedro Murias” de Ribadeo, que depende da Consellería do Medio Rural e do Mar, impartirá proximamente dous cursos de elaboración e transformación de produtos lácteos. Estas accións formativas están dirixidas a alumnos que cursen un ciclo medio de produción agropecuaria ou un ciclo superior de xestión e organización de empresas agropecuarias.
O primeiro destes cursos terá lugar entre os días 24 e 28 deste mes de marzo e está orientado aos alumnos do ciclo medio de produción agropecuaria do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón, A Coruña). O curso terá unha duración de 50 horas, en horario de mañá e tarde e en réxime de internado.
O segundo dos cursos programados terá lugar entre o 7 e o 11 de abril, con idéntico número de horas, horario e réxime. Está dirixido aos alumnos do ciclo superior de xestión e organización de empresas agropecuarias do mesmo Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude.
O programa destes cursos inclúe por un lado a preparación de queixos –en horario de mañá– e diferentes saídas a explotacións e queixerías pola tarde, para que os alumnos se familiaricen con este tipo de instalacións.
Estes cursos engádense ao realizado entre o 10 e o 14 de marzo pasados, no que participaron alumnos do ciclo superior de organización e xestión de empresas agropecuarias do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Coristanco (A Coruña), e que tamén tivo unha duración de 50 horas.