Site icon Crónica3.com A Mariña

O CENTRAD inaugura ‘Todas e unha’ reivindicando os dereitos femininos ante o Día Internacional da Muller

centrad - todas e unhaA Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, acompañada pola Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira, e a artista Carmen Granxeiro, inaugurou este venres na Sala de Exposicións do Pavillón 4 do Centro de Artesanía e Deseño, a exposición Todas e unha, coa que a Deputación súmase novamente ós actos en conmemoración do Día Internacional da Muller.

Regina Polín destacou que a celebración deste ano é especialmente necesaria, xa que “no século XXI somos cidadáns con plenos dereitos, con plenas liberdades, con capacidade para decidir sobre a nosa propia vida e non podemos permitir que pretendan cambiar iso”. A Deputada fixo referencia ó notable incremento do desemprego entre as mulleres con respecto ós homes; ás diferenzas salariais; á Lei da Dependencia; ó progresivo desmantelamento do sistema sanitario ou ás dificultades para conciliar vida familiar e laboral. “Sen igualdade non hai piares nos que establecer un verdadeiro sistema democrático”, subliñou Polín.

Pola súa banda, a artista agradeceu a colaboración da Deputación en xeral, e do Centro de Artesanía en particular para poñer en marcha unha mostra que pretende facer reflexionar ó espectador.

Todas e unha

Todas e unha é o nome desta exposición, unha mostra “viva”, tal e como destaca Carmen Granxeiro. 24 pezas realizadas con materiais cotiás e de refugallo, como lá, teas, espellos ou cravos, xunto con instalacións de vídeo, fotografías e paneis, ubicados nun espazo monocromo creado con teas, reflicten a intención de Carmen Granxeiro de transmitir ó espectador a sensación dun “pequeno universo”, un “microcosmos feminino dentro dun grande mundo patriarcal”. A mostra permanecerá aberta ata o 31 de marzo, na Sala de Exposicións do Pavillón 4 do Centro de Artesanía e Deseño, nos horarios habituais: de 9:00 a 19:00 horas de xeito ininterrompido. A entrada é totalmente gratuíta.

Exit mobile version