O alumnado do CEIP Número 1 de Cervo, en San Cibrao, recibiu este mércores a visita do CD Burela FS Pescados Rubén. Os xogadores/as de Primeira División Edu, Mimi e Lidia, xunto aos monitores da base Christian e Benito, gozaron duns animados adestramentos cos nenos/as de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria, nos que houbo tempo para todo un pouco: fútbol sala, bromas e confidencias.
Dentro do programa laranxa de difusión do fútbol sala entre as idades temperás, o CEIP focego Fondo Nois será o próximo destino da filosofía burelista. O vindeiro luns, 24 de marzo, xogadores/as, acompañados polo director da ED Burela FS, Alfonso Mera, compartirán unha divertidísima xornada cos nenos/as de 3º e 4º de Primaria.
No presente curso, o CD Burela FS Pescados xa se coou nas aulas do CEIP Riotorto, visita incluída na actividade Coñece o meu Club, do programa Xogade pertencente á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. Alfonso Mera, Juanma e Claudia achegaron o día a día da estrutura laranxa aos estudantes do centro, ademais de compartir con eles un entretido xantar.