Entre as diferentes actividades e ata finais de xuño, Patricia asumirá tarefas de xestión económica e administrativa na infraestrutura do CD Burela FS, así como organización e planificación de competicións e eventos deportivos, atención aos socios/as e xestión e planificación de recursos materiais e humanos, entre outras.
Con este acordo, o club burelista amplía a súa oferta formativa sumándose á fluída relación que mantén co IES Monte Castelo de Burela, destinado ao alumnado do ciclo superior de Actividades Físicas e Deportivas. O traballo conxunto pola potenciación da práctica deportiva une o centro de ensino e a entidade laranxa dende hai máis dunha década.
Estudo da USC. O CD Burela FS Pescados Rubén tamén colabora no presente curso no traballo investigador da Universidade de Santiago de Compostela. Profesionais da Facultade de Formación de Profesorado visitou hai días os adestramentos do equipo de Primeira División LNFS para incluílo nun dos seus estudos, centrado na cohesión grupal, de grande interese no rendemento real dos equipos deportivos, e nas lesións deportivas, baixo o seguimento de Rubén Navarro. Por unha banda, os membros laranxas sometéronse ao estudo en catro dimensións: aspectos relativos á execución, atracción cara ao grupo, roles valorados e relacións interpersoais. Por outro, tamén se prestaron á identificación dos patróns lesivos comúns, así como as áreas potenciais sobre as que se poderían aplicar medidas de prevención en xogadores de fútbol sala masculinos de elite.