Nas devanditas asembleas escoitáronse as inquedanzas da veciñanza e o destino que desexan dar aos recursos económicos municipais. Dende o BNG consideramos que nunha sociedade moderna e cunha democracia avanzada debe ser a cidadanía quen dispoña o investimento económico, xa que é quen coñece as necesidades e carencias da comunidade.
Aos encontros asistiron representantes do goberno local e máis o concelleiro do BNG, tomando nota das suxestións, queixas e reivindicacións, tanto as xurdidas a nivel particular como as expostas polas directivas das diferentes asociacións veciñais, a quen se lles insistira previamente na importancia destes encontros, por ser eles quen en moitas ocasións actúan como portavoces dos veciños nas parroquias.
Pola nosa banda, dende a Asemblea Local do BNG estamos a procesar e estudar todas as demandas recollidas para elaborar unha profunda análise das carencias e deficiencias comunicadas pola veciñanza nos encontros realizados o mes pasado. O devandito documento suporá unha auténtica folla de ruta para estar máis próximos á sensibilidade social da nosa poboación e ás súas demandas.
Sorprendeunos gratamente que moitas das reivindicacións recollidas estaban vinculadas coa PROTECCIÓN AMBIENTAL (reciclaxe de plásticos agrícolas, contedores para reciclaxe selectiva, limpeza de cursos fluviais…) ou PREVENCIÓN DOS INCENDIOS FORESTAIS (depósitos de auga en puntos sensíbeis…).
Outras das temáticas reiteradas nas xuntanzas parroquiais foron o MANTEMENTO DA REDE VIARIA LOCAL E INCREMENTO DA SÚA SEGURIDADE (pistas, camiños …), o ARRANXO E MANTEMENTO DAS INFRAESTRUTURAS VIARIAS FORESTAIS, o MANTEMENTO DAS TRAÍDAS E REDES DE SANEAMENTO ou a CONVOCATORIA DE CURSOS DE FORMACIÓN VINCULADOS COAS NOVAS TECNOLOXÍAS.
Dende o BNG velamos para que estas e outras propostas achegadas polos veciños foran contempladas nos orzamentos aprobados hai poucas semanas.
O interese e a ilusión amosada polos veciños das parroquias do Valadouro demóstranos que a nosa exixencia, os ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS, é unha necesidade xa non só para escoitar o que o contribuínte desexa facer cos recursos económicos municipais senón para implicar ao cidadán na dinámica cotiá do concello, nomeadamente nuns tempos nos que a sociedade se distanciou da política, desanimada polas malas prácticas de tantos corruptos como día a día se fan protagonistas dos medios de comunicación.