Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo considera “difícil confíar en que os actuais xerentes da Cerámica de Sargadelos a vaian sacar da crise cando son responsables directos da súa liquidación”

Cervo, 7 de febreiro de 2014. O BNG de Cervo valorou como “moi preocupante, aínda que esperado” o paso dado pola dirección de Cerámicas de Sargadelos ao presentar concurso de acredores. Estiman que “é difícil confiar en que a actual dirección da empresa a poda sacar na crise que leva arrastrando dende fai case cinco anos, cando son os mesmos que a levaron á situación de quebra na que está na actualidade”. Para o BNG, a situación da emblemática Cerámica de Sargadelos é froito das constantes tensións internas entre o grupo societario que ademais someteron ao cadro de persoal a durísimos axustes e foron incapaces de cumprir os seus propios planos de viabilidade para salvar a empresa.

Os nacionalistas cervenses, despois de sucesivos EREs encadeados dende 2009 que supuxeron “oito persoas despedidas en nese ano e 41 en decembro de 2013, varios EREs de redución de xornada e múltiples incumprimentos nos planos de viabilidade presentados pola xerencia”, consideran “á actual xerencia de escasa ou nula fiabilidade para salvar este proxecto empresarial que eles mesmos levaron á quebra”.

Para o BNG a presentación do concurso de acredores colma os despropósitos dunha xestión empresarial baleira de estratexia, incapaz de cumprir os seus propios proxectos en canto á mellora da comercialización e novos produtos incluídos nos planos de viabilidade, e aboca ao grupo cerámico a un futuro incerto e pouco esperanzador, que quedará en mans dos xestores concursais.

Os nacionalistas, á vista da distribución da débeda declarada pola firma – algo mais de cinco millóns de euros, a maior parte dela coa administración pública – Facenda, Xunta de Galiza e Seguridade Social – e cos propios traballadores, considera que a formalización do concurso de acredores “é a peor solución para todas as partes”.

Conclúen “descoñecer cal é a estratexia empresarial dunha dirección con constantes enfrontamentos internos, que someteu ao cadro de persoal a durísimos axustes dende 2009 como condición necesaria non se sabe si para salvar a empresa ou para salvarse eles mesmos e os seus patrimonios persoais”.

Exit mobile version