Site icon Crónica3.com A Mariña

Unha mesa redonda sobre iniciativas de aprendizaxe no rural clausura o primeiro curso da Universidade Rural de Barreiros

As escolas de Celeiro de Mariñaos acollerán este sábado a partir das 5 da tarde, o acto de
clausura do primeiro curso da Universidade Rural de Barreiros, iniciativa posta en marcha polo
Colectivo Cultural Ollomao. Para esta ocasión, a asociación barreirense organizou unha mesa
redonda na cal se darán a coñecer outros proxectos de aprendizaxe que se están a poñer en
marcha no medio rural, e que teñen obxectivos semellantes á Universidade Rural. En dito acto
darase a coñecer o proxecto “Rural Activo” do Concello de Pontevedra, contando coa presenza
de Demetrio Gómez, representante do mesmo. Estarán tamén Susana Blanco e Ana Traseira,
pertencentes á UNED que presentarán o proxecto Uned Senior Rural.

A continuación terá lugar a entrega de diplomas a todas as persoas que estiveron a asistir ás
clases impartidas nas distintas sementes da Universidade Rural, que deu comezo a finais do
pasado outubro. Asimesmo, darase mostra dos traballos realizados ao longo do curso e
presentaranse as propostas de continuidade que o Colectivo Cultural Ollomao ten planificadas
de cara ao verán e outono arredor deste proxecto.

O acto será aberto e están convidadas a asistir todas as persoas interesadas sen ser preciso ter
tomado parte anteriormente na Universidade Rural de Barreiros.

Exit mobile version