Este xoves celebrouse na Casa do Mar de Ribadeo a unha interesante charla sobre as modificacións legais que se están a preparar polo goberno do Partido Popular na regulación do solo e da minaría no noso país.
O grupo de apoio a Alernativa Galega de Esquerda en Ribadeo explica que “en primeiro lugar a compañeira do Sindicato Labrego Margarida Prieto fíxo unha relación das licencias mineiras que se atopan en diferentes etapas de tramitación, ao amparo do slogan da Xunta “Galicia é unha mina”. Salientou que moitas de elas semellan ser só rendibles se os beneficios económicos van directamente aos petos dos seus promotores, pero non a recuperar ambientalmente os terreos como establece a lexislación nin a compensar aos afectados, que tralos oito ou dez anos de explotación ficarían cunhas terras estériles durante décadas no mellor dos casos”.
Margarida sinalou que “só a mobilización social e a oposición dos concellos afectados foi quen de parar ás multinacionais mineiras, pero que estas, lonxe de desistir, están a presionar para mudar as leis. A lexislación mineira está a mudar coa aparición dun Plan para a Minaría que respaldaría por unha banda a explotación mineira en calquera tipo de chan, independentemente do seu uso actual e mesmo de figuras de protección ou utilidade publica como as concentracións parcelarias; e a maiores eliminaría a necesidade de outorgamento da licencia municipal, de xeito que a oposición veciñal a través dos concellos desaparecería, aprobándose directamente as licencias nos despachos de Compostela”.
Pola súa parte, o deputado de AGE Antón Sánchez denunciou que “o borrador de reforma da Lei do Solo está a traballar na mesma liña, eliminando as capacidades dos Concellos mesmo para delimitar diferentes tipos de chan rústico (o que son actualmente os de protección forestal, agropecuaria, ambiental ou da paisaxe), que ficaría tamén nas mans da Xunta. A maiores, neses tipos de solo se eliminan as diferentes restriccións, co cal cada un podería facer o que queira en calquera lugar”.
“Esta lei, que recupera así filosofía da do goberno Aznar de 1998 que deu pé á burbulla inmobiliaria, establecería que todo o chan é urbanizable salvo que se xustifique o contrario, alimentando expectativas de futuras recalificacións que pulan cara arriba do prezo da terrra. Todo isto dificulta o necesario incremento da base territorial das nosas explotacións agrogandeiras que di estar a apoiar a propia Xunta”, engadiu.
Contra a idea xeral sermos grandes produtores de alimentos, a realidade é que compramos fóra unha grande cantidade deles, por preto de 1.000 millóns de euros ao ano. Por iso, ambos poñentes salientaron a necesidade de “estarmos atentos a estas modificacións normativas, a seguir adiante coas mobilizacións e manter a presión para impedir a súa posta en marcha, polo dano que poden facer hipotecando a sustentabilidade futura do noso rural”.