Site icon Crónica3.com A Mariña

Gaiteiros Galegos reúne a socios e amantes da cultura tradicional galega no XIX Xantar Gaiteiro

Lugo, 19 de marzo de 2014: Un ano máis, a Asociación de Gaiteiros Galegos convida a todos os seus soci@s e persoas amantes da cultura tradicional galega ao Xantar Gaiteiro. O lugar escollido para a celebración desta XIX edición é o concello das Pontes, concretamente nunha carpa situada no Colexio Santa María, na Praza de América s/n , onde todos os asistentes poderán disfrutar do canto, o baile e a música tradicional, e dun menú consistente en sopa, cocido galego e sobremesas tradicionais o domingo 23 de marzo.

O Xantar Gaiteiro é un encontro anual, organizado pola AGG, que vai pola súa 19ª edición e que cada ano se materializa nunha cidade ou vila, tratando de achegar esta celebración a todos os puntos da xeografía galega coa finalidade de pasar un día agradable na compaña dos que gustamos da música e do baile tradicional. Nesta celebración pode participar toda a poboación, e nela haberá festa na rúa, visitas, exposicións, charlas e por suposto o xantar. A Asociación de Gaiteiros Galegos leva 25 anos traballando para normalizar a presenza do noso baile, os nosos cantos e da nosa música tradicional na sociedade, e un dos seus obxectivos é que os sons dos nosos instrumentos sexan habituais nas rúas, nos medios de comunicación, nas festas, e en todos aqueles espazos físicos e temporais nos que a música ten cabida. É importante manter xuntanzas como o Xantar Gaiteiro, que serven para poñer en contacto ás persoas que, dende distintos puntos do país, traballan co obxectivo común de espallar e conservar o baile e a música tradicional.

Exit mobile version