Site icon Crónica3.com A Mariña

Espazo Ecosocialista da Mariña pide á Corporación de Ribadeo “apoio á ILP da Renda Básica Cidadá impulsada polo Movemento contra o Paro e a Precariedade”

Espazo Ecosocialista da Mariña achegou este venres ao Concello de Ribadeo e aos diferentes grupos que forman a Corporación Municipal unha moción convidándoos a apoiar a Iniciativa Lexislativa Popular sobre a Renda Básica Universal, impulsada polo Movemento contra o paro e a precariedade.

A renda básica universal é un mecanismo de redistribución da riqueza que consiste nun pagamento individual a toda a cidadanía por unha cantidade igual ao limiar da pobreza. Deste xeito garántese a eliminación da pobreza no país, ao tempo que se establece unha base de consumo de produtos básicos e acceso aos servizos impresdindibles. A cantidade neste momento sería de algo máis de 600€ por persoa.

A modificación social que implica esta proposta é enorme, e a súa influencia na economía, na calidade de vida, na perspectiva vital de cada un de nós mudaría sen dúbida, de xeito radical, de saber que temos un ingreso mínimo garantido para toda a nosa vida. Traballar por salarios de miseria, ter ou non ter fillos, seguir a compartir a vida con quen nos maltrata, serían decisións que con seguridade se verían afectadas pola existencia dunha Renda Básica Universal.

As dúbidas sobre o seu financiamento están xa solventadas por estudos realizados para Cataluña e para Guipúzcoa: abordaríase a través dunha reforma fiscal da que se beneficiaría o 70% que menos ingresos recibe, a costa dun incremento da presión fiscal ao 10% que máis ingresos declara. Estes cálculos non teñen en conta outras formas de financiamento como poderían ser unha vixilancia estrita ou mesmo a eliminacion das SICAV, a loita contra o fraude fiscal das grandes empresas multinacionais, redución das deduccións fiscais, ou impostos ás transaccións financeiras internacionais, medidas todas elas que rebaixarían a presión fiscal necesaria para poñela en marcha.

España é a día de hoxe o Estado co maior índice de desigualdade continente. A posta en marcha desta medida radical de loita contra a pobreza poñeríamos nuns niveis de igualdade de ingresos similares aos dos países escandinavos, é dicir, das maiores do planeta.

Espazo Ecosocialista, ao igual que o resto das forzas que formamos Alternativa Galega de Esquerdas, defendemos a Renda Básica Universal como ferramenta transformadora da nosa sociedade, e queremos impulsar o debate e o coñecemento da mesma. Xa desenvolvemos unha xornada en Ribadeo, e agora plantexamos esta moción. En adiante comezaremos a colaborar coa recollida de sinaturas, esperamos que co apoio e colaboración doutras forzas da esquerda transformadora, en España, en Galicia e na Mariña.

Exit mobile version