Site icon Crónica3.com A Mariña

Deputación e colectivos femininos de toda a provincia denuncian o recorte en dereitos e liberdades das mulleres

deputacion-mullerA Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, acompañada polas Deputadas provinciais Pilar García Porto, Regina Polín e Sonsoles López Izquierdo, e representantes da Asociación de Mulleres Empresarias da provincia de Lugo; da Federación de Asociacións de Mulleres do Rural, e da Plataforma Galega pola Defensa do Dereito ó Aborto, denunciou este venres o grave retroceso nos dereitos e liberdades das mulleres que están a provocar os recortes e medidas postas en marcha polos Gobernos do PP. Méndez fixo un chamamento “ás mulleres, pero tamén ós homes”, para que participen nas ducias de actos convocados mañá, 8 de marzo, Día Internacional da Muller, e así “reivindicar na rúa os nosos dereitos e denunciar que os Gobernos do Partido Popular traten ás mulleres como cidadáns de segunda”.

A Vicepresidenta fixo fincapé en que a crise económica, agravada polas imposicións dos Gobernos de Rajoy e Feijóo, está a afectar de xeito especialmente virulento ás mulleres, tal e como indican as estatísticas, “co retroceso en dereitos civís e sociais; o empobrecemento dos servizos públicos de calidade, e os negativos datos do paro, por citar só algúns dos exemplos que debuxan un panorama crítico que moitas das que estamos aquí non coñecimos nunca”.

Lei do Aborto
A Vicepresidenta destacou determinados recortes que afectan especialmente ó sector feminino, como o 28% menos nos fondos destinados á loita contra a violencia de xénero, da que foron vítimas 54 mulleres o pasado ano e no que vai de 2014 -3 delas na provincia-, e determinadas reformas lexislativas previstas como a do Código Penal ou a Reforma Local “que vacían de contido a Lei Integral”; os recortes na Lei de Dependencia, ou medidas como a reforma da lei do aborto “totalmente innecesaria e cruel que só responde ás demandas dos dogmáticos e ultraconservadores”. A Vicepresidenta destacou que “esta lei non só é retrógrada e cruel coas mulleres, senón que aumentará a desigualdade entre aquelas que poderán pagar entre 500 e 6.400 euros por un aborto en condicións dignas no estranxeiro, e as que terán que abortar en condicións ilegais e clandestinas. Obrígannos a ter fillos dependentes, e logo recortan os fondos para axudar a coidar deses fillos dependentes”, sentenciou. Nesta mesma liña manifestáronse as representantes da Plataforma Galega Plataforma Galega pola Defensa do Dereito ó Aborto presentes no acto.

Ataque ó Estado de Benestar
Lara Méndez lembrou que “esta é outra das realidades da muller: ela é quen se fai cargo, case sempre en solitario, dos familiares dependentes”, o que afecta especialmente ás mulleres do rural, onde viven un 80% das que desempeñan estas tarefas, tal e como subliñou, Verónica Marcos, da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais, que tamén chamou a atención sobre o desmantelamento da educación pública no rural que está levando a cabo o Goberno de Feijóo, pechando ducias de escolas unitarias e o programa Preescolar na Casa que afectou especialmente ás mulleres “que son as prestadoras dos servizos sociais no rural”.

Galicia rematou o 2013 con máis de 18.000 dependentes que non reciben axudas con cargo á Lei de Dependencia, porque “o Goberno de Feijóo está a desmantelar o sistema a base de recortes, aforrando a costa de reducir a só tres os graos de dependencia, desmantelando este sistema pouco a pouco”, sentenciou, do mesmo xeito que está a privatizar a sanidade.

Paro feminino
A Vicepresidenta tamén subliñou o preocupante do impacto da reforma laboral e da falla de políticas activas de emprego nas mulleres. Neste senso, Juana Eiroa, vicepresidenta da Asociación de Mulleres Empresarias, tamén reclamou financiación para empresarias e emprendedoras, vital para a favorecer a creación de riqueza e emprego. Méndez lamentou o “triunfalismo dalgúns, cando estamos a falar de que en Galicia 2013 pechou con destrución de emprego feminino por quinto ano consecutivo: máis de 52.000 mulleres perderon o seu traballo nos últimos cinco anos”. De feito, son máis de 132.000 as desempregadas galegas,14.000 na provincia de Lugo, das que a metade son paradas de longa duración, subliñou. Do mesmo xeito, a crise agravou a fenda salarial entre homes e mulleres, “e hoxe en día as mulleres teñen que traballar 82 días máis ó ano para cobrar o mesmo que os homes”. Os datos son máis dramáticos no caso das mulleres menores de 25 anos, que supoñen máis do 56% do total de desempregadas, “e as que aínda traballan o fan cada vez en peores condicións, xa que o 24% delas teñen contratos temporais”.

“Queremos ser mulleres traballadoras, de pleno dereito, de plenas liberdades. Mulleres que poidan decidir sobre a súa vida, sobre o dereito a ter fillos e sobre o seu dereito a traballar e a conciliar”, sentenciou Méndez.

Exit mobile version