Rodríguez chegaba o sábado á noite á cidade francesa na furgoneta do equipo nacional procedente do Centro de Alto Rendemento Deportivo de Sant Cugat para incorporarse á reunión técnica que tivo lugar o día anterior á competición.
Xa o domingo, a competición durou once horas -entre as oito da mañá e as sete da tarde- nas que o pentatleta mariñán mantivo a regularidade en cada unha das probas. Tras unha boa natación e un gran hípica na que obtivo a máxima puntuación, floxeaba un pouco na segunda rolda de combates de esgrima. Aínda así, Rodríguez conseguiu saír á proba combinada nos postos de honra para ir remontando posicións en cada secuencia de carreira e tiro. Foi unha desafortunada caída nunha zona de grava solta cando o pentatleta galego marchaba en segunda posición a punto de rebasar o primeiro clasificado, a que lle fixo perder moito tempo. Esa mesma caída provocoulle intensas dores na súa cadeira esquerda que foron tratadas polo equipo médico da proba ó remate da competición coa finalidade de rebaixar o traumatismo.
A pesar de atoparse dolorido, Rodríguez manifestou sentirse “satisfeito por poder aguantar do podio a pesar da intensa dor”. “Son cousas que pasan”, se lamentaba o pentatleta que fai dúas semanas se clasificaba coma finalista na Copa do Mundo de Acapulco, en México.