O II Festival de Cine de Alfoz chega á súa terceira xornada, a máis local. Será este vindeiro sábado, día 29 de marzo. Iniciarase o acto cunha mesa redonda moderada por Xabier Pardiñas, Presidente do Seminario de Estudos do Valadouro (entidade organizadora do evento), na que participarán o actor profesional Luís Iglesia, Pepe Peinó (director de cine local), Matías Nicieza (director, actor e locutor de radio en Radio Valadouro e Radio Burela) e Antonio Jesús Lorenzo “Cachín”, actor de teatro (con Raiolas e Trípode) e de cine. Despois do coloquio estrearase a última película de Pepe Peinó, titulada “Nove estrelas e un sombro”, protagonizada por Manuel Lourenzo, Cachín e nove rapazas: Nerea Lorenzo, Cristina Trigo, Alma Ramos, Andrea Cabanas, Nerea Pena, Andrea Freire, Ariana Martínez, María Areán e Saray Martínez. O cartel do filme foi deseñado por Suso Rubio.
A película foi rodada hai ano e medio e trátase dun filme entre infantil, cómico e tenebroso, no que se reflexiona sobre a vida, a perda da inocencia e a luz que todos levamos dentro. A charla será ás 19 horas e a proxección do filme sobre as 20 horas, na Casa da Cultura de Alfoz.