Cervo, 26 de marzo de 2014.- O Concello de Cervo comprometerase en pleno a destinar a Casa do Mar a usos públicos e de interese social. Será a través dunha proposta de alcaldía que se debaterá na sesión ordinaria que se celebrará mañá (20 h.).
En concreto, a administración local comunica que a Casa do Mar “é de utilidade pública ou de interese social e o uso ao que se pretende destinar esta edificación é tamén para fins de utilidade pública ou de interese social”. Un exemplo dese compromiso é a intención do Concello de ofrecer o servizo do Punto de Atención á Infancia na Casa do Mar, un obxectivo que comparte cos pais e nais.
Unha proposta de alcaldía que, unha vez debatida e aprobada pola corporación, será enviada ao Servizo Provincial de Costas co obxectivo de que o teñan en conta para continuar cos trámites para a cesión da Casa do Mar. Unha xestión que, polo tanto, supón un paso máis no proceso para conseguir a titularidade deste edificio.
Cabe lembrar a reunión mantida en Madrid no mes de xaneiro polo alcalde, Alfonso Villares, co director xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar, Pablo Saavedra, e o voceiro do Grupo Parlamentario Popular no Senado, José Manuel Barreiro, para solicitar a axilización dos trámites.
Os resultados foron inmediatos. Esa mesma semana o Instituto Social da Marina enviaba un escrito ao Concello anunciando que renunciaba á concesión da Casa do Mar e que, polo tanto, daba luz verde a continuar coas xestións. Este era un paso moi importante para seguir co segundo trámite, a desafectación do dominio público marítimo terrestre. O último trámite consistirá na propia cesión por parte de Patrimonio do Estado.
A edil de Educación, Pilar Armada lembra que “o Concello sempre defendeu que a Casa do Mar ten que ser de uso público de todos os veciños de Cervo”. Por iso lamenta que “este asunto estivese paralizado durante anos, exactamente entre o 2008 e o 2012, a pesar das múltiples peticións lanzadas dende o Concello”.