Santiago, 19 de marzo de 2014.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, defendeu este mércores as decisións que xa se teñen adoptado desde as administracións autonómica e estatal en apoio dos homes e mulleres da pesca e do marisqueo que viron a súa actividade profesional alterada como consecuencia da sucesión de temporais acontecidos nos últimos meses.
Atendendo á vixencia destes apoios, os populares rexeitaron esta mañá no Parlamento unha iniciativa de AGE ao considerar que nela demandaban axudas que xa existen e, polo tanto, que se trata dunha petición superada polo tempo
REXENERACIÓN DE BANCOS MARISQUEIROS
A modo de exemplo, Balseiro lembrou que só no ámbito da rexeneración e mellora da produtividade dos bancos marisqueiros destinarase este ano un orzamento de 2.655.000 euros. Axudas ás que, explicou, poden acceder todos os bancos danados polas riadas e polos efectos dos temporais, sen exclusión.
O portavoz popular do Mar sinalou que estas subvencións poden destinarse á contratación de profesionais ou entidades prestadoras de servizos: tanto de avaliación como de execución dos traballos de rexeneración, á adquisición de material para desenvolver as accións propostas, á adquisición de semente de moluscos ou para colaborar na redacción do proxecto técnico a executar.
Balseiro puxo en valor a decisión do Goberno galego que, ante a persistencia dos temporais e a necesidade de novas avaliacións de danos, decidiu ampliar o prazo de solicitude de axudas en medio mes máis. “Feito que tivo boa acollida no sector pois, segundo parece, hai máis de medio cento de solicitudes”, indicou.
BENEFICIOS FISCAIS
Balseiro tamén lembrou que, de xeito complementario, o Consello de Ministros aprobou un Real Decreto-Lei con medidas extraordinarias que inclúe exencións de cotas á Seguridade Social e unha batería de beneficios fiscais e axudas directas aos profesionais afectados polos temporais
“Falamos de axudas directas aos titulares de establecementos industriais, pesqueiros e marisqueiros, dunha moratoria de ata un ano sen intereses no pago das cotizacións á Seguridade Social e outros beneficios impositivos a solicitar por empresas e traballadores por conta propia que sufran danos ou perdas de actividade derivadas do temporal, como é o caso de pescadores e mariscadoras”, explicou.