LUGO, 7 DE MARZO.- As integrantes da executiva provincial do PSdeG-PSOE participarán activamente nos actos organizados, previstos mañá na provincia, con motivo do Día Internacional das Mulleres. Neste senso, as secretarias de Economía, Política Social, Servizos Xurídicos e Sanidade -Pilar García Porto, Ana María González Abelleira, Laura Celeiro e Darya Fernández- estarán presentes na XI Marcha Pola Igualdade, impulsada polo Concello de Lugo, dentro do programa elaborado pola entidade local para conmemorar este Día; e a voceira de Emprego –Gloria María Prada- asistirá aos actos organizados polo Concello de Monforte.
Con esta participación as socialistas denuncian o grave retroceso que supón para os dereitos e liberdades das mulleres o anteproxecto de contrarreforma da Lei do Aborto, presentado o pasado mes de decembro polo Goberno do PP, e que pretende a derogación da Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e de Interrupción Voluntaria do Embarazo aprobada polo PSOE en 2010.
É por elo que piden a súa retirada inmediata, xa que moitas mulleres, tanto en España como en Europa, “senten como unha auténtica agresión á súa liberdade e á dignidade dunha cidadanía que hai anos xa gañou a batalla para poder elexir”. Os e as socialistas denuncian así un proxecto lexislativo que non só aumentará o número de abortos clandestinos senón que aumentará a mortalidade e a perda de saúde e vida das mulleres; un proxecto que, ademais, non resposta a ningunha demanda social senón aos intentos do Goberno do Partido Popular por contentar a sectores minoritarios e ultraconservadores que tratan de imponer os seus dogmas a toda a sociedade, e que non poden aceptar as cotas de liberdade, igualdade e presenza social que alcanzaron as mulleres non noso país, grazas en gran medida ás políticas dos Gobernos socialistas, que fixeron da liberdade un patrimonio colectivo que debemos defender agora máis ca nunca”, indican.
A este respecto, as integrantes da executiva consideran que a Reforma Laboral e a redución aplicada na loita contra a violencia de xénero por parte do Goberno só serviron para aumentar aínda máis, se cabe, esta desigualdade. Deste xeito, sitúan as eleccións europeas como o marco para comezar a cambiar esta realidade.
Fundación Jacinto Calvo
Tal e como fixeron público este xoves, os patronos da Fundación Jacinto Calvo tamén apoian a causa. Proba delo é que, durante a primeira reunión desta entidade con José Conde Vales como presidente da mesma, os integrantes desta Fundación estableceron as bases para comezar a deseñar medidas concretas destinadas á efectiva aplicación do principio de igualdade que permita a integración do sector feminino no proceso de desenvolvemento global da sociedade, de tal xeito que se facilite unha igualitaria redistribución dos recursos familiares, sociais, políticos e laborais entre homes e mulleres.