Os lastres son os pesos que precisan as embarcacións para manter a estabilidade, cando van sen carga. Os lastres dos Moutillós son de sílex, un mineral case inexistente en Galicia e moi abundante nas costas inglesas e normandas. Probablemente estes sílex chegaron aos Moutillós en barcos ingleses ou normandos.
As áncoras de pedras atopadas nos Moutillós están feitas con pedra do lugar, chamada gneis ou “ollo de sapo”. Estas áncoras destacan polo seu tamaño e peso (66 e 127 quilos), o que nos dá unha idea das dimensións dos navíos que as utilizaron .
Segundo sinalan os expertos consultados por MariñaPatrimonio, a áncora máis pequena é un modelo moi empregado durante a Idade Media. A de maior tamaño, porén, é un modelo descoñecido até agora nas costas galegas.
Os lastres e as áncoras aparecen concentrados no mesmo lugar, o que fai sospeitar que haxa unha posible relación entre ambos elementos.
Agora cumpría facer un estudo para datar estes achados e ver que tipo de relación gardan co xacemento arqueolóxico dos Moutillós.
Dende o 2011 hai un apaixonante e enriquecedor debate sobre que tipo de xacemento arqueolóxico son os Moutillós. Patrimonio sostén que non é un castro nin un asentamento tipo motte and bailey pero baseándose nos testemuños dos veciños, que aseguran que neste lugar aparecen restos arqueolóxicos, non descartan que houbese algún tipo de asentamento.
Para MariñaPatrimonio, a quen os veciños informaron sobre a presenza de ósos humanos enterrados na zona dos moutillós, así como para algúns investigadores e arqueólogos, os Moutillós gardan un gran parecido cos motte and bailey construídos polos normandos en Inglaterra e outros puntos de Europa.
Nin a hipótese sobre a existencia dunha mota normanda nos Moutillós nin a hipótese contraria poderán ser demostradas, en tanto non se realicen catas e un estudo arqueolóxico serio e rigoroso.
MariñaPatrimonio solicita á Xunta a recollida dos restos arqueolóxicos, que os temporais sacaron á luz, e que os Moutillós figuren como xacemento no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos. Contrariamente ao que se ten informado, os Moutillós non aparece como xacemento arqueolóxico no citado Inventario e, polo tanto, este sitio carece de protección.
MariñaPatrimonio recoñece o interese amosado polo alcalde de O Vicedo en relación co xacemento dos Moutillós e cos restos recentemente aparecidos.