Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA-Lugo organiza un roteiro pola Ruta do Ferro de Riotorto

ADEGA-Lugo convida a participar o vindeiro domingo, 23 de marzo, na terceira andaina do seu programa de “Roteiros H2O” que se desenvolve durante este ano 2014. O obxectivo destes roteiros é dar a coñecer á poboación galega cales son as riquezas naturais do país, a importancia da súa preservación e educar nos valores do respecto e coidado da natureza. A temática escollida este ano dos roteiros de ADEGA-Lugo é a auga e as súas múltiples funcións na natureza. Desta volta, o percorrido será polo concello de Riotorto, da provincia de Lugo, para coñecer como traballa a auga.

Percorrido
O percorrido será de dificultade baixa de duns 9 quilómetros. A andaina iniciarase na senda fluvial das Rodrigas ao longo do río Ferreiravella, salvando un desnivel de 300 m. O roteiro permitiranos coñecer o valioso patrimonio etnográfico da zona, ligado á industria do ferro e asociado directamente ao traballo da auga. No lugar de Carboeiro veremos da man dun afiador local o funcionamento dunha moa hidráulica. Continuando a ruta, asistiremos nunha forxa á demostración do traballo actual dos ferreiros. No lugar da Ermida teremos ocasión de visitar un pequeno museo etnográfico.

Seguiremos camiño pasando por lugares como Lorigados e o Mazo, tradicionalmente tamén vinculados á industria artesanal do ferro. Continuando á beira do río, Ferreiravella chegaremos á área etnográfica do Mazo da Fraga, onde poderemos visitar un mazo hidráulico restaurado. Neste lugar remataría a ruta.

Reserva a túa praza!
A reserva de praza debe realizarse, polo menos, con 3 días de antelación chamando ao local de ADEGA-Lugo (982240299 ou 679113718) ou enviando un mail a adegalugo@adega.info, indicando o nome e apelidos do participante e un número de teléfono móbil.

As persoas interesadas en participar deberán levar para o camiño comida e calzado e roupa axeitados.

A SAÍDA terá lugar ás 9 horas, diante da Facultade de Formación de Profesorado (antiga Escola de Maxisterio), na Avenida de Ramón Ferreiro.

Exit mobile version