Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta licita traballos de mellora en cinco estacións de autobuses da provincia de Lugo

260314 A delegada territorial e o alcalde de Vilalba revisan as instalacións da estación de autobuses da localidadeLugo, 26 de marzo de 2014.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licita por preto de 30.000 euros (27.387,21€) as obras de mellora de diversas estacións de autobuses da provincia de Lugo, incluídas dentro do Plan Renove de Galicia.

Os traballos, segundo expuxo a delegada territorial, Raquel Arias, centraranse “na mellora da accesibilidade, das instalacións e dos sistemas de información nas estacións de Viveiro, Ribadeo, Mondoñedo, Vilalba e Sarria”.

No caso da estación de Viveiro o Plan Renove potenciará os accesos para aquelas persoas con mobilidade reducida, a través da pintada dunha praza de aparcadoiro para o uso destes usuarios e a colocación de bancos na dársena. Estes mesmos traballos tamén se desenvolverán nas estacións de Ribadeo e Vilalba, nas que o Plan ademais recolle a instalación de pasamáns e varandas na rampla de acceso existente en Ribadeo, e a colocación de sinais na estación de Vilalba.

No caso da estación de Mondoñedo o Plan executará unha rampla de acceso e coas súas respectivas varandas e pasamáns a ambos lados e a reubicación do sumidoiro que se verá afectado por estas actuacións, ademais do pintado dunha praza de aparcadoiro e a reparación das portas de acceso da dársena.

As empresas interesadas na realización destas actuacións centradas na potenciación dos servizos das estación lucenses terán un prazo de 26 días para a presentación de ofertas, que empezará a contarse dende mañá e rematará o vindeiro 22 de abril.

Outras actuacións que contempla o Plan Renove son as centradas nas melloras das instalacións a través de arranxos nos falsos teitos, aseos, puntos de luz ou canalóns; pintado dos bancos e limpeza do lucernario. Este tipo de melloras se realizarán na estación de Sarria, na que ao igual que as anteriores tamén se potenciará a accesibilidade dos seus usuarios.

Nunha segunda fase do Plan Renove incorporaranse outras estacións da provincia como as de Lugo, Burela, Chantada, Foz e Monforte, cuxos proxectos atópanse en redacción ou revisión, segundo agregou a delegada.

Plan Renove
O Plan Renove das estacións de autobuses de Galicia é un programa plurianual para o período 2013-2015 que consta cun orzamento de mais de 4,2 millóns de euros. No primeiro ano activáronse 1,6 millóns de euros repartidos entre as estacións das catro provincias galegas.

O Plan Renove parte dunha auditoría técnica previa efectuada pola Dirección Xeral de Mobilidade a cada unha das estacións de autobuses das que é titular, co obxectivo de avaliar o estado de conservación das instalacións. Neste análise constátase que as deficiencias das estacións de autobuses se deben, con frecuencia, a unha deficiente conservación e mantemento das instalacións.

O plan finánciase con cargo ao Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que dentro dos seus obxectivos estratéxicos pretende reforzar o desenvolvemento das infraestruturas ambientais e de transportes. Na actualidade, Galicia conta cun total de 43 estacións de autobuses, das cales a Xunta de Galicia é a administración titular de 35 estacións.

Exit mobile version