Ante as dúbidas de interpretación suscitadas pola lei estatal da Reforma Local, os propios concellos reclamaron nos últimos meses que se clarificasen determinados supostos. Con ese obxectivo, a Xunta axilizou a elaboración da súa norma, sendo Galicia a primeira Comunidade en adaptar legalmente as previsións da reforma local no marco das súas competencias.
Este texto foi presentado á Xunta de Voceiros da Fegamp o pasado 5 de marzo polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e neste tempo a Federación ncorporou algunhas modificacións para dar resposta directa aos problemas que están a atopar os concellos para aplicar a reforma local. Na súa reunión de onte, a comisión Executiva da FEGAMP aprobou o informe de maneira favorable.
Entre outros asuntos, o texto establece que as competencias atribuídas polas normas autonómicas vixentes -anteriores á entrada en vigor da Lei 27/2013- continuarán exercéndose polas entidades locais e rexéndose pola dita lexislación. Ademais, a lei presta especial atención á regulación das novas competencias, distintas das propias e das atribuídas por delegación.
Outro punto destacado é a regulación dos informes -de carácter vinculante- que terá que emitir a Comunidade para o exercicio das competencias sen título específico. O texto establece a documentación que debe presentarse, o procedemento e o prazo para a emisión dos informes, que será de tres meses, reducíndose á metade nos casos de urxencia. Faise referencia tamén á necesidade de novo informe nos casos de modificacións substanciais no exercicio das competencias.
Doutra banda, regúlase a cooperación e a colaboración mediante consorcios e convenios administrativos, que poderá comprender -entre outros extremos- a axuda financeira a unha das partes para o exercicio de actividades da súa competencia ou para o exercicio polas entidades locais de competencias distintas da s atribuídas como propias ou delegadas. Así mesmo, regúlase a adaptación á Lei 27/2013 dos convenios, acordos e demais instrumentos de cooperación xa subscritos.
Educación, saúde e servizos sociais
Por último, a lei de medidas urxentes regula a asunción pola Comunidade das competencias relativas á educación, saúde e servizos sociais. Estas continuarán prestándose polos municipios mentres non se dean as condicións previstas para o seu traspaso na normativa básica e o establecemento do novo sistema de financiamento autonómico e das facendas locais previsto nesta. En todo caso, será o Consello da Xunta o que regulará as condicións do correspondente traspaso de medios económicos, materiais e persoais.
Ademais, establécese que, tendo en conta o establecido no Pacto Local, a Comunidade asumirá de forma progresiva -nun vinte por cento anual e comezando neste mesmo ano 2014- a xestión dos servizos asociados á xestión da atención primaria da saúde.
Lei da Administración Local de Galicia
Tal e como recolle o texto, a aprobación desta lei de medidas urxentes faise sen prexuízo da necesidade de revisar a Lei da Administración Local de Galicia, derivada tanto da súa necesaria adaptación á normativa básica como ao resto da lexislación posterior e aos novos retos organizativos e funcionais que se presentan actualmente ás entidades locais.
Neste sentido, dentro do prazo de seis meses desde a entrada en vigor do novo sistema de financiamento autonómico e das facendas locais, o Goberno galego presentará ao Parlamento un anteproxecto de reforma da Lei da Administración Local de Galicia, para a actualización e adaptación da normativa autonómica vixente de réxime local, que integrará a regulación prevista na Lei de medidas urxentes.