Site icon Crónica3.com A Mariña

A vixilancia policial reforzarase en Viveiro durante a celebración da Semana Santa

Lugo, 20 de marzo de 2014.- O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, copresidiron este xoves unha reunión ordinaria da xunta local de seguridade na que, ademais de analizar a evolución delincuencial no municipio, se detallou o plan de seguridade deseñado polo Concello de cara á celebración da Semana Santa, un dos acontecementos que máis persoas congrega na localidade en todo o ano.

Tal e como se explicou no encontro, os efectivos da Policía Local intensificarán os traballos de vixianza para evitar incidentes nos actos da Semana Santa vivairense, declarada de Interese Turístico Internacional. A Garda Civil comprometeuse a traballar conxuntamente cos efectivos da Policía Local para reforzar o operativo de seguridade. O dispositivo fará especial fincapé en facilitar o paso das procesións e garantir a seguridade cidadá, así como en asegurar unha axeitada regulación do tráfico para evitar problemas tanto a condutores como a peóns.

O traballo conxunto e coordinado dos corpos policiais favorecerá unha atención máis áxil e eficaz aos veciños, aos participantes nos desfiles procesionais e tamén aos visitantes que se acheguen a Viveiro durante a Semana Santa.

Lixeiro descenso da delincuencia
Os membros da xunta local de seguridade fixeron tamén hoxe unha análise global da situación delincuencial en Viveiro durante 2013 e destacaron que, atendendo aos datos de denuncias rexistradas no conxunto do ano no municipio, os delitos rexistraron un lixeiro descenso con respecto ao 2012.

O subdelegado do Goberno valorou o “bo traballo” que están a desenvolver os axentes da Policía Nacional en cooperación coa Policía Local de Viveiro e que permitiu un alto grao de eficacia na resolución dos delitos denunciados no municipio ao longo do ano pasado. Lembraron, entre outras, a detención da parella autora dunha decena de roubos con forza en igrexas da comarca, e diversas actuacións que supuxeron a detención dos autores de roubos nalgúns establecementos e vivendas da zona.

Os datos das actuacións policiais en 2013 revelan tamén o desartellamento de algúns puntos de venta de sustancias estupefacientes en diferentes zonas de Viveiro. En relación con isto, os integrantes da xunta local repasaron as accións desenvolvidas no marco do plan operativo nacional de resposta policial ao tráfico e consumo de drogas nas zonas de ocio e diversión, que se aplica nas zonas e locais de ocio así como nas estradas de acceso e nos posibles puntos de distribución nos que os axentes sospeiten que as drogas se van destinar a esas zonas de divertimento.

Na xunta deste xoves, ademais do subdelegado do Goberno e a alcaldesa de Viveiro, participaron tamén representantes da Policía Nacional, a Garda Civil, o Subsector de Tráfico, a Policía Autonómica, a Policía Local e o concelleiro de Seguridade e Policía.

Exit mobile version