O acto central consistiu na lectura colectiva do manifesto “Por un 8 de marzo comprometido coa loita feminista”, na que interviñeron Tareixa Campo e Josefina e Purificación Janeiro, da Asociación a Ravela de Barallara, que fixeron referencia ás palabras de Rosalía de Castro como premonitorias do duro camiño que había andar o feminismo para denunciar a discriminación das mulleres.
Continuou coa lectura do manifesto Digna Lagarón, da Plataforma de afectadas polas preferentes, que insistiu en que a desculpa da crise está a levar por diante responsabilidades sociais que estaban en proceso de se consolidar, por entender que son o Estado e os poderes públicos os que deben garantir unha cobertura imprescindíbel para posuíren as mulleres a necesaria autonomía e independencia económicas.
As “Mulleres de Lugo”, durante a súa intervención, exemplificaron medidas que supoñen violencia cara as mulleres, como a falta de escolas infantís, o desmantelamento das políticas que amparan a dependencia, o ataque aos servizos públicos, o apoio á banca, a reforma laboral, o incremento desmesurado do paro, a redución das prestacións por desemprego, as desigualdades salariais, as baixísimas pensións…
Pola súa banda, Chus Méndez, centrou a súa lectura nun tema polémico na actualidade: o aborto, explicando que non recoñecer o dereito ao aborto na sanidade pública afonda nas desigualdades sociais, ao dividir entre as mulleres que poderán desprazarse, moverse acudir a outros lugares e as que se terán que conformar con prácticas clandestinas e riscos para a súa saúde e a súa vida.
As representantes da Asociación Enriqueta Otero e Mulleres da Insua, que foron as últimas en intervir referíronse á volta atrás que se está a vivir en materia de igualdade de xénero, unha problemática que tamén recoñecen estaba representada nos versos rosalianos.
Nesta xornada dedicada ao Día Internacional das Mulleres tamén interviñeron Maruxa Bardasco, traballadora do eido dos servizos sociais no rural, que exerce a súa profesión na montaña luguesa; e Antonia Semedo Lopes, redeira de San Cibrao e integrante do grupo musical caboverdiano Batuko Tabanka.
Veiga pechou a quenda de intervencións insistindo na idea de que “non queremos celebrar un 8 de marzo ritual e si aspiramos a un 8 de marzo comprometido coa loita feminista o 9 e 0 10 e o 11 e o 12 e o 13 e o 14… e así os 365 días do ano”.
Así mesmo, a cantante Sés puxo o broche final ao acto coa súa colaboración musical