Lugo, 7 de marzo de 2014. A sala de exposicións do Pazo de San Marcos acolle, dende este venres e ata o 7 de abril, a exposición “Olladas de muller sobre a Guía Postal de Lugo de Maruja Mallo”, unha mostra que xira arredor dunha obra que fora realizada por Maruja Mallo en 1929 por encargo da Deputación de Lugo. O cadro, titulado “Guía Postal de Lugo”, ilustraba as páxinas do libro Lugo y su provincia (Libro de Oro), publicado tamén nese mesmo ano. Nesta obra, a artista ofrece a súa visión da provincia de Lugo, mesturando modernidade e tradición co seu propio imaxinario. Actualmente forma parte da colección do Museo Provincial de Lugo.
O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, foi o encargado de inaugurar esta mostra, que se enmarca dentro dunha nova edición de A arte de ser muller nun mundo por compartir 5.0, unha iniciativa centrada na visibilización das mulleres no eido creativo, que desenvolve a área de Cultura e a Rede Museística Provincial.
A exposición, está comisariada por Encarna Lago e Anxela Caramés, mentres que o proxecto expositivo está sendo coordinado por Ana Etcheverría e forma parte do Festival Miradas de Mujeres 2014, organizado por MAV (Asociación de Mujeres en las Artes Visuales) no ámbito estatal, e coordinado a nivel galego por Paula Cabaleiro.
As artistas seleccionadas recrean a obra orixinal en linguaxes artísticas actuais: instalación, pintura, fotografía, vídeo, danza. Contamos con 9 proxectos inéditos realizados por Mónica Alonso, Carla Andrade, Mónica Cabo, Carolina Cruz Guimarey, Xisela Franco,Carmen Llonín, Paulova e o Colectivo Tanuki (Nieves Neira e Cristina Sánchez), xunto a Vari Caramés, que participará cunha fotografía do proxecto Miradoiro Galicia.
Xunto a esta selección de artistas, con obra producida especificamente para este proxecto, unha serie de propostas pensadas para ser difundidas de forma dixital tamén poderán ser visionadas na propia sala de exposicións.
Convocatoria para participar na exposición Olladas de muller sobre a Guía Postal de Lugo de Maruja Mallo
A Rede Museística de Lugo promove unha convocatoria pública para participar na exposición de forma virtual a través de plataformas online (redes sociais como o Facebook de Olladas de muller sobre a Guía Postal de Lugo de Maruja Mallo, blog de Enredarte e a páxina web do Museo Provincial de Lugo).
Nesta convocatoria anímase ás participantes a reflexionar sobre a figura desta gran artista a partir do seu cadro Guía Postal de Lugo, así como sobre a propia cidade lucense.