Site icon Crónica3.com A Mariña

A Fegamp informa favorablemente a Lei de medidas urxentes pola reforma local

SANTIAGO. A Comisión Executiva da Fegamp aprobou, na súa reunión deste mércores 19 de marzo, o informe favorable sobre o Anteproxecto de Lei de Medidas Urxentes derivadas da entrada en vigor da lei 27/2013, de racionalización e sustentabilidade na administración local. Este texto foi presentado á Xunta de Voceiros da Fegamp o pasado 5 de marzo polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e neste tempo a Federación incorporou algunhas modificacións para dar resposta directa aos problemas que están a atopar os concellos para aplicar a reforma local.

Entre as principais achegas da Fegamp destacan a homoxeneización de criterios á hora da delegación de competencias por parte da Xunta, a flexibilización para determinar que se consideran como “novas competencias” e a incorporación dun trámite de urxencia para a emisión de informes de sustentabilidade desde a administración autonómica.

A xuízo de José Manuel Rey, alcalde de Ferrol e presidente da Fegamp, “esta é unha norma que vai dar amparo inmediato a moitos alcaldes que están a atopar dificultades para seguir prestando servizos públicos que xa estaban consolidados nos seus ámbitos municipais”, e que por tanto “garante que os cidadáns seguirán percibindo eses servizos”.

No seu informe, a Fegamp destaca a importancia de que os concellos poidan manter as competencias que viñan asumindo con anterioridade á entrada en vigor da reforma local. Así, as esixencias de sustentabilidade financeira que impón a Lei 27/2013 aplicaranse para aquelas competencias de nova asunción.

Este ditame, que foi aprobado cos votos dos alcaldes do Partido Popular, recibiu non entanto o recoñecemento do resto de grupos por tentar emendar a situación de desconcerto en que os concellos se viron sumidos pola entrada en vigor da reforma.

Rey Varela apuntou que este anteproxecto “ten unha inmediatez na súa aplicación e na resolución de problemas que non ten un recurso de inconstitucionalidade”, e lembrou unha vez máis o posicionamento unánime do municipalismo galego fronte a unha reforma “que non responde as singularidades dos concellos de Galicia”.
O informe da Fegamp foi remitido no día de hoxe á Dirección Xeral de Administración Local para que a Xunta continúe coa súa tramitación e poida aprobarse coa maior celeridade. “Somos conscientes de que a maioría dos concellos están á espera desta lei para blindar os seus servizos”, apostilou Rey Varela.

Nova sección
A Comisión Executiva acordou por unanimidade aceptar a creación da nova sección de “concellos con intereses turísticos”, froito da reunión que o pasado 12 de marzo mantiveron na Fegamp medio centenar de municipios.

Esta sección, con autonomía para a súa organización e desenvolvemento, subdividirase en tres grupos de traballo, que englobará a concellos declarados de interese turísticos, concellos con festas de interese turístico e concellos con distintivos de calidade. Dous representantes de cada grupo formarán o comité de dirección da sección, que ademais terá un presidente.

Inicialmente, forman parte desta sección os concellos de Arzúa, Betanzos, A Coruña, Fisterra, A Laracha, Melide, Miño, Mugardos, Muros, Padrón, O Pino, Sada, Santiago de Compostela, Teo, Touro, Barreiros, Cervo, Guitiriz, Lourenzá, Mondoñedo, Quiroga, Viveiro, Celanova, Leiro, Manzaneda, Oímbra, Riós, San Cristovo de Cea, Baiona, Cambados, Cuntis, O Grove, Lalín, Mondariz-Balneario, Sanxenxo, Tui, Vigo, Vila de Cruces, Vilagarcía de Arousa e o Patronato Rías Baixas da Deputación de Pontevedra.

Nembargantes, todos os concellos interesados en formar parte da sección e que cumpran cos requisitos fixados nos grupos de traballo poderán incorporarse cando así o consideren.

Plan de Pago a Provedores
Por último, a Executiva da Fegamp tamén apoiou por unanimidade unha moción presentada polo grupo socialista, no que se insta ao Goberno a rebaixar as esixencias aos concellos que acudiron ao primeiro Plan de Pago a Provedores, en marzo de 2012. Esta moción está en sintonía cun acordo adoptado pola FEMP en xaneiro deste ano.

Cando o Plan de Pago se puxo en marcha, tratábase de préstamos a longo prazo, dez anos de devolución e dous máis de carencia, para o pago e cancelación de débedas contraídas con provedores. Os tipos de interese eran do 5,9%. No seu conxunto, os concellos galegos financiaron 211,79 millóns de euros a través deste mecanismo.

Dado que o contexto económico nacional e municipal variou sensiblemente desde marzo de 2012, a Fegamp reclama ao Ministerio de Facenda que se amplíen os períodos de carencia e de amortización, e que se reduzan os tipos de interese.

Igualmente, pídese a Facenda que conceda dous anos de carencia con retención cero para aqueles concellos que, ao non aprobar os seus plans de axuste, sofren unha retención do 50% da PIE (Participación nos Ingresos do Estado). Unha vez transcorridos eses dous anos, que a retención se reduza ao 25% ata saldar a súa débeda.

Exit mobile version