Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegación territorial da Xunta distribúe máis de 800 árbores autóctonas para plantar en distintos concellos da provincia

Lugo, 20 de marzo de 2014.- A Delegación Territorial da Xunta en Lugo impulsa a conmemoración do Día Forestal Mundial (comunmente recoñecido como Día da Árbore) coa organización e participación durante os próximos días en diferentes actos institucionais de difusión e de concienciación social en varios concellos da provincia.

Así o explicou a delegada territorial, Raquel Arias, que apuntou que se distribuirán e plantarán máis de 800 exemplares de especies arbóreas autóctonas mediante esta iniciativa, fixada pola Unesco no día 21 de marzo, e que pretende involucrar a institucións, colectivos cidadáns e escolares.

Un dos actos centrais da celebración na provincia terá lugar en Sarria o vindeiro sábado día 22 de marzo. Nesta xornada, a Delegación Territorial de Lugo participará na plantación de 30 árbores nun acto no que está prevista a participación de máis de 150 persoas de colectivos veciñais e vencelladas á Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, que promove esta actividade.

No acto, no que estarán presentes tamén brigadas do distrito forestal de Sarria da Consellería de Medio Rural e do Mar, realizarase a plantación de frondosas no entorno da escola da parroquia sarriá de Vilapedre. Ademais das devanditas árbores, a delegación territorial entregará 200 árbores autóctonas máis á federación de asociacións veciñais para que sexan distribuídas entre os colectivos relacionados coa mesma.

As árbores que serán distribuídas nos actos nos que colabora a Delegación Territorial de Lugo proceden dos viveiros Os Trollos (Bóveda) e Sambreixo (Guitiriz), ambos dependentes da Xunta de Galicia. Deste xeito, na xornada de mañá, día 21, o departamento territorial participa na plantación que terá lugar no lugar da Barxela, en Monforte, no que alumnos de nove centros educativos do concello monfortino realizarán a plantación de 34 árbores (12 bidueiras, 12 amieiros, 8 pradairos e 2 abetos).

Do mesmo xeito, na zona sur da provincia lucense, a Delegación Territorial colabora cos concellos de Folgoso do Courel, Pantón e Sober, entre os que distribúe 125 pés de carballos, castaños, entre outras especies, para a súa plantación. E mañá mesmo, o CEIP Rosalía de Castro, de Bóveda, realizará a plantación de cinco árbores entregadas pola delegación territorial nos xardíns do centro.

Así mesmo, o departamento territorial colabora tamén cos concellos de Ribadeo e Barreiros, aos que achega 80 e 18 árbores, respectivamente, para súa plantación. Neste caso, distribúense freixos, carballos e castiñeiros, na súa meirande parte.

Igualmente, na zona da Mariña está prevista a entrega de 104 árbores, a meirande parte castiñeiros, ao CEIP Lois Tobío, Viveiro, e 35 máis ao IES San Rosendo, de Mondoñedo, para proceder tamén á plantación destas árbores.

Arias subliñou “a importancia de concienciar á poboación en xeral e, en particular, aos máis novos da transcendencia que ten preservar o medio ambiente”. A delegada territorial aludiu á necesidade de “apostar polo carácter produtivo e sostible dos recursos forestais” buscando a rendibilidade económica porque “o monte, ademais de riqueza patrimonial e cultural, representa tamén unha actividade empresarial que pode xerar moitos postos de traballo e axudar a fixar poboación no medio rural”.

Exit mobile version