Segundo informou Antonio Veiga “estas axudas encádranse na estratexia de Goberno da Vicepresidencia, centrada na aprobación de medidas que garantan os servizos sociais nos concellos de menos de 20.000 habitantes aos que o Goberno galego deixou sen SAF básico coa aprobación do Decreto de servizos sociais e comunitarios polo que non financia dito servizo nestes concellos, é dicir, en todos agás o de Lugo”.
“Este investimento – continuou o vicepresidente- deixa en evidencia que desde este goberno apostamos polas persoas do rural e o seu benestar preservando os seus dereitos mentres outras institucións non o fan, e tratando de evitar por todos os medios, que o custe do servizo recaia nos usuarios e usuarias. Fronte á Xunta e ao Goberno central, preocupados polo déficit público e centrados na privatización da sanidade e da dependencia, a Deputación lucense ten no seu eixo de actuación as políticas sociais, aínda que legalmente o SAF básico é unha obriga da Xunta de Galiza e non das Deputacións segundo a nova Lei da Administración Local”.
Así mesmo, desde a área de Benestar Social da Deputación insisten “na importancia desta inversión, non só de cara a cubrir as necesidades básicas dos nosos maiores independentemente do lugar no que vivan, senón tamén pola cantidade de empregos directos, principalmente femininos, que xera. Estamos a falar de arredor duns 3.000 postos de traballo en toda a provincia”.
Todos os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia, todos eles beneficiarios destas axudas da institución provincial na pasada anualidade, poderán presentar as súas solicitudes para acceder de novo a estas subvencións, que se outorgarán de acordo a criterios obxectivos, até transcorridos 30 días naturais contados a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, que será previsiblemente o luns, tras a súa aprobación na Xunta de Goberno.
“Todos aqueles concellos que cumpran os requisitos mínimos esixidos recibirán esta subvención en función do número de usuarios e usuarias que teñen previsto atender ao longo deste ano e que lles permitirá continuar prestando este servizo sen que repercuta nos máis de 2.400 lucenses que se benefician deste servizo” – concluíu Antonio Veiga.