O Teatro Pastor Díaz de Viveiro acolle este venres 7 de febreiro, ás 20.30horas, a representación de “Curriculum Vitae” de Redrum Teatro.
“Curriculum Vitae” é unha comedia sobre entrevistas de traballo na que asistiredes, a través da invisible cuarta parede dunha oficina a esas “curiosas” escenas que teñen lugar entre dúas persoas, cando unha delas está sendo xulgada pola outra para acceder a un posto de traballo.
Humillación, enchufismo, ineptitude, mala hostia, abuso… vanse sucendendo nas cinco pezas que compoñen a obra para mostrar a crúa realidade do mundo laboral. Iso si, todo contado dende o humor, que é a mellor forma de contar as cousas serias.
Sobre o escenario dous actores de primeiro nivel, Mónica García e Guillermo Carbajo (coñecidos polos seus traballos na serie ‘Pratos combinados’), dirixidos por Alex Sampayo e interpretando os textos de Diego Ameixeiras, Araceli Gonda, Avelino González, Manolo Cortés e José Prieto.
Alex Sampayo, a piques de estrear a súa primeira longametraxe
Alex Sampayo é un director e realizador coñecido principalmente no sector audiovisual, no que leva traballando máis dunha década.
Entre os seus traballos destacan as exitosas series de televisión “El Internado”, “Padre Casares”, “Terra de Miranda” ou “Valderrei”. Tamén dirixiu as curtametraxes mundialmente premiadas “Alzheimer”, “A Boa Caligrafía”, “Un día normal” ou “A Residencia”.
En teatro levou a escena a adaptación dun guión cinematográfico da súa propia autoría “A Pensión” e a comedia musical infantil “Moito Conto”.
Neste momento está a piques de estrear a súa ópera prima: unha longametraxe protagonizada por Candela Peña e Luis Zahera.
No seguinte enlace pódese ver un anaco dunha das pezas de “Curriculum Vitae” durante a súa representación no Teatro de Ourense: https://www.youtube.com/watch?v=FR8SW0Slhfc#t=17.